Máis ambientación e multitude de actividades para a sétima edición do Día de Colón
Por Diego Espiño
Combarro prepárase para regresar ao século XV coa sétima edición do Día de Colón, feira medieval que encherá de actividades e historia as rúas da localidade durante o venres 8 e o sábado 9 de xullo.
O evento, organizado a Asociación Combrus, Vides Novas e asociación de empresarios e comerciantes de Poio coa colaboración do Concello, contará cunha ampla programación, comezando coa chegada da Nave Santa María con Colón e a súa tripulación ás 22:00 horas do venres.
A encargada de ler o pregón da festa será nesta ocasión Milagros Bará, colaboradora de PontevedraViva e unha "gran defensora de la teoría del Colón gallego", sinalou na presentación da feira Juanjo García.
Entre as novidades desta edición destaca que a xusta medieval, que se realiza por segunda vez, celebrarase na Praza da Chousa en lugar de no Paseo Marítimo porque "entendemos que va a quedar mucho más bonito".
Mercado de artesanía, xogos populares e tradicionais para os pequenos, teatro na rúa, exhibicións de tiro con arco e cetrería ou espectáculos de malabares e luces completan a programación, condensada principalmente na xornada do sábado de 11:00 horas da mañá ata as 23:00 horas da noite.
Ademais as entidades organizadoras centraron o seu esforzo en potenciar a ambientación nas rúas, para o que solicitan a colaboración de veciños e hostaleiros.