Coñecer o centro histórico a base de 'Cunca e Nécora'
Por Diego Espiño
A empresa pontevedresa Turiña pon en marcha, en colaboración do Concello, un proxecto piloto de visitas guiadas a través de varios locais de hostalería do centro histórico da cidade, denomicado 'Cunca e Nécora'.
Exposto como "unha maneira diferente de coñecer a zona vella", segundo recoñece a concelleira de Promoción Anabel Gulías, trátase dunha ruta para "achegarse á realidade de Pontevedra dun xeito informal".
"A praza de Curros Enríquez é para moitos a praza de Burguer King, e queremos afastar esa idea", explica Cora Velasco, unha das impulsoras do proxecto.
Dirixido a turistas e tamén a veciños da cidade, a ruta deseñada comeza na Praza de España para pasar por Curros Enríquez, Peregrina, Ferrería, Praza da Leña, Verdura, Méndez Núñez, Mercado de Abastos e 5 Rúas para terminar na Praza do Teucro.
Polo medio os participantes, aos que se explicarán historias da cidade e de personaxes relevantes, degustarán produtos da terra en varios locais de hostalería, como son La Cata, Loaira, Los Olmos e La Navarra.
Trátase, salientou Anabel Gulías, dun proxecto que no caso de funcionar "sería susceptible de facelo con máis locais e máis rutas".
Polo momento, ao prezo de 5 euros, habilitáronse tres xornadas para realizar esta particular visita guiada pola cidade, os sábados 16 e 30 de xullo e o 6 de agosto. Cada día terá un límite de 15 participantes.
Os interesados poden anotarse a través do correo electrónico turinapontevedra@gmail.com.