A cunca e a nécora, agora tamén á noitiña
Por Redacción
O éxito do programa Cunca e nécora levou os seus organizadores a impulsar unha nova edición que, segundo avanzaron, chega chea de novidades. A máis importante é que este mes de setembro, ademais dos roteiros de día, haberá tamén citas polas noites.
Cunca e nécora son roteiros polo casco histórico que conxugan cultura e gastronomía. Na actividade, de dúas horas de duración, ademais de coñecer a historia da cidade fanse catro paradas para degustar o mellor da nosa terra, gastronómica e enoloxicamente falando.
O percorrido de Cunca e nécora comeza na Praza de España e continúa por Curros Enríquez, Peregrina, Ferraría, Praza da Leña, Verdura, Méndez Núñez, Mercado de Abastos, Cinco rúas para rematar no Teucro. Degústase nos locais: La Cata, La Navarra, Loaira e Los Olmos.
Serán os días 17 e 24 de setembro e o 1 de outubro, a partir das doce da mañá.
En Cunca e nécora noitiña os roteiros son nocturnos. Sairase ás 20.00 horas da tarde e percorreranse novos bares da cidade: Tabula Rasa, O Grifón, Envero e El Pequeño, onde finalizará a visita cun concerto.
O obxectivo é dar a coñecer outros locais da zona, así como a vida nocturna da cidade e outro tipo de produtos.
Neste caso, a actividade será os días 16, 23 e 30 de setembro.
Este programa está promovido pola empresa Turiña en colaboración coa Concellería de Promoción da Cidade.