Pinchos de cine, en Bueu
Por Redacción
Desde o Concello de Bueu e a organización do Festival Internacional de Curtas de Bueu convocan a toda a hostalaría a unha reunión para este xoves14 de xullo, ás 10 horas, que se celebrará no salón de plenos e na que se presentará o proxecto "Tapas 5 estrelas".
Con motivo da novena edición deste evento, este ano desde a organización búscase contribuír a que o FICBUEU sexa, máis ca nunca, un evento completo no que gozar de Bueu e da súa contorna máis aló das proxeccións levadas a cabo no festival.
É por iso que, no afán de dar a coñecer Bueu aos visitantes do Festival deséñase esta actividade para dar a coñecer a oferta gastronómica e facelo dun xeito coordinado e integrado nas restantes actividades da vila.
Así, durante os días que dura o festival, do 10 ao 18 de setembro, en horario de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.30 horas, os establecementos hostaleiros que desexen participar ofrecerán tapas cinematográficas a un prezo de cine.
A dinámica de funcionamento que se propón é moi atractiva, xa que os participantes deberán obter un cupón con cinco estrelas en calquera dos establecementos, onde se irán selando cada unha delas por cada tapa consumida. Os que completen os cinco selos, sendo todos eles de diferentes establecementos, entrarán no sorteo de diversos premios.