Miles de persoas dan boa conta do carneiro ao espeto en Moraña
Por Diego Torrado
Este domingo é o día no que en Moraña, "vaias por onde vaias, vai cheirar a carneiro". E é que se celebra a xornada grande da Festa do Carneiro ao Espeto, este ano cociñáronse máis dun centenar destes animais na carballeira de Santa Lucía e, ademais, restaurantes e vivendas particulares optaron por este menú para as celebracións privadas.
O evento festivo, que chegou á súa 47 edición e está declarado Festa de Interese Turístico Galego, recibiu a miles de persoas durante toda a fin de semana, pero a principal de todas as celebracións foi a rexistrada desde primeira hora deste domingo na carballeira de Santa Lucía, onde se reuniron máis de 2.000 comensais degustando a un tempo o menú estrela.
Os fieis desta festa saben que, para ir a Moaña neste día, hai que reservar con tempo e boa proba diso é que antes da xornada deste domingo xa estaban reservados máis dun centenar de lotes de carneiro, que se prepararon ao aire libre na carballeira como ocorre cada ano e, unha vez máis, foron outro dos atractivos da festa.
Puideron contarse por miles as persoas que foron pasando pola zona de preparación do carneiro durante as longas horas nas que o animal está sobre as brasas, pois un dos segredos do sabor inimitable do carneiro ao espeto é que a preparación ten que ser lenta, para que se vaia facendo por dentro aos poucos. Se o animal é novo e está no seu punto, xa non fai falta nada máis.
Os lotes de carneiro dan para 20 persoas, de modo que os comensais que os reservaban e gozaron da festa gastronómica na propia carballeira superaron o dous mil. A maiores, resulta imposible de calcular a cantidade de animais preparados en casas e restaurantes.
Entre quen non quixeron perderse esta festa gastronómica única en Galicia estivo este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñerz Feijóo, que acompañou á alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, e o vicepresidente da Xunta e presidente provincial do PP, Alfonso Rueda.
Ademais, non todo é comer un día como o deste domingo en Moraña, de modo que a festa estivo amenizada xa desde a mañan por un pasacalles e actuacións da agrupación de baile tradicional e o grupo de pandereteiras Seixebra de Moraña e pola charanga Os Encerellados, que tamén animou a sobremesa xunto á actuación de O linho do Cuco. Pola noite, a fin de festa corre a cargo das orquestras El Combo Dominicano e Samba.
Relacionadas:
-
Para carneiro, Moraña. E se é ao espeto, xunta miles de persoas
Por Diego Torrado |
-
Un membro dunha orquestra resulta ferido mentres monta un escenario en Moraña
Por Redacción |
-
O Carneiro ó Espeto volve triunfar en Moraña
Por Diego Torrado |
-
Moraña espera xuntar 3.000 comensais na XLIV edición da Festa do Carneiro ao Espeto
Por Alejandro Espiño |