Preto de 4.000 persoas participan no Baile de Gala do Liceo Casino, con posta de longo de 17 mozas
A tradición cumpriu expectativas e fíxoo da mellor forma posible, incrementando as súas cifras con respecto a anos anteriores. Foron preto de 4.000 persoas as que este ano gozaron no parque de verán do Liceo Casino, na Caeira, do tradicional Baile de Gala da Peregrina, superando así en case un milleiro a cifra de asistentes do ano anterior.
Pero non só se superou o número de asistentes ao baile, senón tamén o das mozas protagonistas do costume máis arraigado e solemne da sociedade, como é a posta de longo, que nesta ocasión alcanzou a cifra de 17 mozas, mantendo a tendencia crecente dos últimos anos (16 foron o ano pasado e 14 en 2014).
Como de costume, estas 17 mozas viviron o seu gran momento na cerimonia que tivo lugar despois dunha animada cea de gala, sendo chamadas unha a unha para dirixirse á pista de baile, onde xunto aos seus padriños gozaron dun agradable baile de debut.
Precisamente esa cea foi o comezo dunha longa e animada noite, coa participación duns 450 comensais, que puideron degustar un exquisito menú servido por Servizos Galicia, con Rubén González á fronte exercendo como chef, que dispuxo un carpaccio de polbo con cremoso de pemento e cruxente de cebola, como primeiro, para seguir con dados de salmón marinado sobre crema de guacamole e améndoas, medallóns de lumbrigante sobre follas de tempada e vinagreta de frambuesa e terminar cun prato formado por meloso de tenreira confeitado con milfollas de pataca e cogomelos de verán, servindo como postre "Ferrero Rocher 2016".
Exercendo de anfitrión, o presidente do Liceo Casino Jaime Olmedo e a súa xunta directiva, cos que se atopaban distintas autoridades e personalidades da vida social e pública da cidade e provincia, así como convidados chegados de distintas cidades de España. Todos eles, xunto cos socios, amigos e convidados (que este ano case alcanzaron a cifra dun milleiro), gozaron dunha cita clásica do verán pontevedrés.
Finalizada a cea, e antes de que dese comezo o baile, foi o momento das 17 debutantes, as mozas: Sara de Carlos Varela, Catalina Cortizo Domínguez, Irene Domínguez Domínguez, Ángela de Faveri Álvarez, Carolina García Domínguez, Alejandra García Fernández, María Vitoria García-Pintos Díaz, Ana Luisa Ikemoto Estévez, Enma Lorenzo Ramós, Jimena Muntaner Pérez-Urría, Mireia Nuño Malvar, Estefanía Perojo Ruiz, Elena María Regueiro Romero, Carolina Rivas Rodríguez, Cristina Rodríguez Arias, Lucía Simón Alonso e Carlota Yagüez Peón.
Cada unha delas debutou da man do seu padriño, actuando como tales, respectivamente, Federico de Carlos Espinosa, Gonzalo Cortizo Ameal, Enrique Domínguez Lino, Carlos Alberto Conti Álvarez, José Ramón García López, Manuel Fernández Palmeiro, Fernando García Pintos Escuder, Nori Ikemoto, Manuel Lorenzo Gil, Alberto Muntaner Pedrosa, Miguel A. Nuño Vázquez-Garza, Mario Álvarez López, Luís Regueiro Corbillón, Carlos Ángel Rivas Teruelo, Tomás Rodríguez Peón, José Simón Buela e Joaquín Yagüez Ramos.
Logo chegou o momento do baile, con dous ambientes distintos nas dúas pistas dispostas para o efecto, na primeira coa música da Orquestra Chattanooga, dirixida polo mestre Leiva, mentres a segunda pista estivo amenizada por DJ Javier Pazos, de Jamar Audio. Ambas as pistas rexistraron un sensacional ambiente festivo que se prolongou ata altas horas da madrugada.
Baile de Gala do Liceo Casino o sábado 13 de agosto na Caeira, nas Festas da Peregrina
Baile de Gala do Liceo Casino no seu parque de verán da Caeira, nas Festas da Peregrina 2016
© Diego Torrado