Adeus á gasolineira de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
A gasolineira de Benito Corbal ten os seus días contados. Repsol presentou unha petición ao Concello para solicitar os permisos pertinentes para proceder á retirada das instalacións, pechadas ao público desde hai case dous anos.
Segundo puido saber PontevedraViva, os técnicos municipais traballan xa para atender a solicitude da empresa enerxética, que completará así un proceso que se iniciou uns meses atrás coa limpeza dos tanques onde se almacenaban os combustibles.
A intención de Repsol é retirar tanto os dous surtidores como as casetas que teñen ao seu carón. Tamén está previsto quitar os tanques e selar os ocos.
O Concello espera que estes traballos poidan coordinarse coa reforma urbana que se comezou a facer na rúa Javier Puig e que inclúe como mellora a rehabilitación do cruzamento con Benito Corbal e Blanco Porto.
O goberno municipal quere aproveitar para arrombar o ámbito público que rodea á gasolineira, especialmente as beirarrúas e o acceso aos pasos de peóns.
Polo momento, descoñécese se os propietarios do inmoble de Costa Giráldez teñen algún plan para aproveitar o espazo que deixará libre a gasolineira, xa que segundo fontes municipais trátase dun ámbito de titularidade privada.
A gasolineira de Benito Corbal foi instalada en 1951.