Esdemga volverá á pasarela de novos talentos da Madrid Fashion Week
Por Redacción
A Escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) de Pontevedra estará presente un ano máis en Ego, a pasarela para novos talentos da MercedesBenz-Fashion Week Madrid. Será a través da deseñadora Elena Rial, titulada no centro pontevedrés e que ve esta participación como "unha oportunidade profesional moi boa, que permite que moita xente descubra o teu traballo".
A pasarela será o martes 20 de setembro e será xa a terceira vez que asista esta deseñadora, despois de que a súa colección fose unha das oito seleccionadas de entre as candidaturas presentadas por deseñadores de toda España.
Rial figura tamén entre as 15 seleccionadas para o showroom desta plataforma, no que Esdemga tamén estará representada pola gañadora da última edición de Debut, Sheila Pazos e pola tamén titulada Laura González, Waverley.
A directora de Esdemga, Lola Dopico, sinala que para o centro "é moi importante que todos os anos haxa presenza de deseñadores formados aquí", xa que esa constancia é "unha mostra de que se está traballando ben". Segundo indica en declaracións recollidas polo Duvi da Universidade de Vigo, poucas escolas poden ter sempre esta presenza.
Elena Rial foi seleccionada para participar no Ego por primeira vez en setembro de 2014 cunha versión ampliada daquela colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos e pola que recoñece sigue "sentindo moito afecto". Un ano despois, retornaba ao Ego con Hey Boo e o vindeiro martes 20 corresponderalle pechar ciclo coa súa nova proposta, Rumspringa. Nesta ocasión, compartirá pasarela con Euphemio Fernández, 44 Studio, Habey, Albec Bunsen, Mario Coello, Ferrandiz e Nouman, os deseñadores cos que competirá polo Premio Mercedes-Benz Fashion Talent.