Unha década subindo deseños pontevedreses á pasarela
Por Redacción
O vindeiro xoves 24 no Pazo da Cultura, Debut volverá reunir a máis dun milleiro de persoas para celebrar a súa décima edición, na que subirán á pasarela os proxectos de 13 novos egresados xunto cos deseños do alumnado dos diferentes cursos da Esdemga, os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia.
O carácter especial desta décima edición vén marcada polo "salto cualitativo" que para a Esdemga suporá a conversión, a partires do vindeiro curso, deste título propio nun mestrado
Foi no outono de 2007 cando o ximnasio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollía a primeira edición de Debut, o desfile co que Esdemga presentaba as coleccións que constitúen os proxectos de fin de estudos.
Unha década despois, Debut é tamén o eixo dunha semana de actividades dedicada ao deseño e á moda, que se completa cos talleres e conferencias que, a partires do vindeiro luns, traerán a Pontevedra ao mestre de patronaxe xaponés Shingo Sato, á deseñadora arxentina Gisela Fortuna ou a egresadas da titulación como Elena Rial, gañadora da última edición do Samsung Ego da Madrid Fashion Week.
"Nestes dez anos hai condensada moita enerxía e o esforzo de moita xente, desde as institucións ata cada un dos estudantes que pasou pola escola", salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na presentación na Casa das Campás da programación de Debut 2016, que co gallo deste décimo aniversario bota a vista cara atrás, incorporando ás súas actividades a vellos alumnos.
É o caso do egresado da Esdemga, Daniel Menéndez, agora xefe de produto para Jean Paul Gaultier, que será un dos membros do xurado encargado de decidir cal das 13 coleccións se alzan cos dous premios que outorga a empresa Jesús Peiró.
UNHA SEMANA DE ACTIVIDADES
Arredor deste desfile, desenvólvense un ano máis unha serie de talleres de traballo dirixidos a completar a formación do alumnado, como un taller sobre maquillaxe e peiteado a cargo de Silvia&Guy ou un obradoiro de fotografía de moda de Daniel Garzee que darán comezo o vindeiro luns. Así mesmo, a Facultade de Belas Artes tamén acollerá a vindeira semana un taller no que Sato achegará as claves da súa técnica reconstrución/transformación, o taller no que os investigadores María Castellanos e Alberto Valverde afondarán na inclusión da tecnoloxía no deseño da moda e un taller sobre bordado de Elena Rial.
Xunto a estas actividades desenvolveranse tamén dúas masterclass, abertas a cidadanía, na Casa das Campás, a que impartirá Sato o luns 21, e a que levará Gisela Fortuna o martes 22 a afondar tamén na que é "unha das tendencias máis importantes nos últimos anos" neste eido, como é a "tecnificación da moda".
Por último, o programa de Debut pecharase o venres coas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, nas que os novos titulados manterán unha serie de entrevistas con responsable de selección de persoal de diferentes empresas do sector.
Relacionadas:
-
Dez anos amosando o futuro da moda galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Queres ser modelo? Esdemga ofréceche a oportunidade de desfilar en Debut 2016
Por Redacción |
-
Esdemga volverá á pasarela de novos talentos da Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
Sheila Pazos, de gañadora en Debut a finalista do certame International Talent Support
Por Redacción |