Dez anos amosando o futuro da moda galega
Máis de medio cento de coleccións ideadas polos alumnos da Esdemga, a escola de deseño téxtil e moda de Galicia, amosaron este xoves no Recinto Feiral o bo momento no que se atopa o centro pontevedrés, tras cumprir os seus primeiros dez anos.
A pasarela Debut 2016 volveu xuntar a centos de persoas para coñecer as coleccións que constitúen os traballos de fin de estudos das súas novas tituladas, xunto con outra serie de proxectos elaborados polo alumnado dos diferentes cursos. Todo un exemplo do talento destes novos deseñadores e do brillante futuro que lle espera á moda galega.
Entre os trece proxectos a concurso, o xurado decidiu outorgar dous primeiros premios ás coleccións Estancias, de María Paz, e Looking for Miranda, de Liliana Castiñeira.
"Despois de darlle moitas voltas, optouse por un primeiro premio compartido, en igualdade, en lugar dun premio e un accésit, porque se trababa de dúas coleccións de calidade e interese paralelo,pero tan equidistantes que era complicado escoller", explicou a directora de Esdemga, Lola Dopico.
Looking for Miranda é unha colección para que a Liliana Castiñeira se inspirou en dúas películas ambientadas nun colexio vitoriano en Australia e nas bandas da cidade de Nova York, mesturando ambos estilismos e combinando a sutileza e a agresividade de ambos ambientes.
A proposta de María Paz, Estancias, é unha colección feminina que propón unha reflexión sobre a identidade humana. Os códigos bordados que completaban as diferentes propostas e a sensación de inmobilidade que consegue cos traxes son dous aspectos a salientar do traballo.
O xurado estivo composto pola gañadora de Debut 2013, Elena Rial, Daniel Menéndez, xefe de produto para Jean Paul Gaultier; Agar Fernández Bautista, deseñadora para o grupo Inditex, o deseñador xaponés Shingo Sato e o director de Educación da Academia Costume e Moda de Roma, Adrien Yakimov.
Neles recaeu a responsabilidade de decidir os proxectos premiados de entre 13 coleccións que constituían os proxectos de fin de estudos de Irene Aldao, Marta Casal, Rocío Laseca, Cecilia López, Lucía Macasoli, Mónica Martínez, Xoana Medraño, Aida Mosquera, Raquel Suárez, Paula Vázquez e Sara Vigo, xunto ás dúas premiadas.
Todas elas presentaron un abano de propostas nacidas de inspiracións tan diversas como as chaquetas con motivos xaponeses coas que os soldados americanos retornaban á casa tras a Segunda Guerra Mundial, as fotografías realizadas polo paparazzi Ron Galella aos Rolling Stones, pintores impresionistas como Monet ou Renoir ou os traxes dos mecánicos da Fórmula 1.
Ademais, sobre a pasarela desfilaron os traballos dos novos valores que se forman nesta titulación. O desfile, que abriu unha colección infantil deseñada por Zaira Martínez, continuou, trala presentación dos proxectos de fin de estudos, cos cinco proxectos elaborados no marco da iniciativa Brand by Us, que lles leva a traballar nos múltiples elementos dunha marca de moda.
Tras eles saíron á pasarela as 18 coleccións ideadas por estudantes de segundo, baixo a dirección de Charo Froján e Alfredo Olmedo, e os proxectos de 16 alumnos de primeiro no marco do proxecto White Spirit, xusto antes de que Rumspringa, a premiada colección coa que Emma Rial gañou en setembro o premio Mercedes-Benz Fashion Talent, no Ego da Madrid Fashion Week, puxese o adeus a Debut 2016.
Relacionadas:
-
Esdemga busca modelos para o seu próximo Debut, o 23 de novembro no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
A Esdemga, convidada en Londres á Graduate Fashion Week
Por Oskar Viéitez |
-
Unha estudante da Esdemga triunfa na Mostra do Encaixe de Camariñas cunha proposta futurista
Por Redacción |
-
Design & Fashion Future Lab: o lugar onde atopar proxectos que mesturan deseño, moda e tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rocío Laseca e Amai Rodríguez, dúas alumnas da Esdemga na Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
Unha década subindo deseños pontevedreses á pasarela
Por Redacción |