Suspendido o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín para estudar a petición de nulidade da defensa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os maxistrados da Sección segunda da Audiencia de Pontevedra suspenderon o xuízo por un delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas no que está acusada Rosa Charlín, sobriña do patriarca familiar, o histórico narcotraficante arousán Manuel Charlín.
É a segunda ocasión na que se suspende este xuízo por cuestións procesuais que xa estivera sinalado para celebrarse en maio de 2015 e tamén foi suspendido.
Este martes, ao comezo da vista oral, nas cuestións previas ao xuízo, o avogado defensor de Rosa Charlín pediu a nulidade da causa ao entender que a súa clienta xa vai ser xulgada por estes feitos noutra actuación que se está instruíndo contra ela e que ten "dereito a ser xulgada nun só procedemento e ter unha soa sentenza". Alega que a instrución desta causa é "confusa" e que debería haber unha única acusación por un "delito continuado" xa que os feitos polos que se lle vai a xulgar son "coetáneos no tempo" co outro caso, polo que pediu a "nulidade das actuacións".
O fiscal Alejandro Pazos mostrou a súa desconformidade con estes argumentos do letrado da acusada precisando que no outro procedemento aberto contra Rosa Charlín "hai varios imputados e son actos diferentes" aínda que recoñece que ao tratarse dun "armazón familiar" hai algunhas cuestións que "se tocan" en ambas as causas.
Respecto da petición de nulidade do auto de apertura do xuízo oral entende a Fiscalía que é unha cuestión "moito máis técnica" pero "bastante clara" xa que insiste en que "non se produce indefensión" polo feito de non traer ás sociedades mercantís ao xuízo.
ACUSACIÓN
A Fiscalía acusa a Rosa Charlín de comprar diferentes propiedades con diñeiro cuxo orixe era "presuntamente ilícito e de procedencia descoñecida", xa que cos rendementos declarados do seu traballo e os préstamos solicitados "non lle alcanzase". O representante do Ministerio Público pide que sexa condenada a cinco anos e tres meses de prisión, multa de 720.000 euros e tres anos de inhabilitación para o exercicio da súa profesión ou industria.
Segundo o escrito de acusación, a acusada gastou case 550.000 euros entre 1999 e 2008 para comprar unha decena de propiedades inmobiliarias, coches e obxectos de uso persoal "á marxe do gasto do fogar familiar".
Os ingresos medios declarados pola acusada pola actividade das súas empresas durante os anos 2001 e 2008 "non foron superiores" aos 30.000 euros anuais e, en relación ás operacións de compra realizadas, que financiou en parte cun préstamo bancario, a Fiscalía calcula que hai case 244.000 euros que son de orixe ou procedencia descoñecida.
Tamén se solicita á Audiencia que ordene o comiso dos bens que foron adquiridos de forma presuntamente ilícita.
CONDENADA POR TRÁFICO DE DROGAS
Rosa María Charlín xa foi condenada a nove anos de prisión en 1995 por tráfico de drogas pola súa relación co alixo de mil quilos de cocaína que foi incautado no interior do buque "Rand" cando navegaba a 42 millas das costas portuguesas.
Ademais, a acusada figurou como administradora única de varias sociedades que, segundo o fiscal, foron utilizadas polo seu exmarido, Jorge Durán, condenado en 2004 a nove anos de prisión por tráfico de drogas, para ocultar "importantes" sumas de diñeiro entre os anos 1999 e 2004.
Relacionadas:
-
Unha vez máis, e xa van catro, suspéndese o xuízo contra Rosa Charlín por branqueo
Por Alejandro Espiño |
-
A Audiencia retoma o xuízo por branqueo contra a sobriña de Charlín
Por Oskar Viéitez |
-
Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rosa María Charlín, de novo ante a Audiencia acusada de blanquear cartos da droga
Por Redacción |
-
Señor avogado defensor, sempre cre na inocencia dos seus clientes?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rosa Charlín queda libre por tráfico de drogas e branqueo de capitais, pero deberá comparecer ante o xuíz cada 15 días
Por Redacción |