Rosa Charlín queda libre por tráfico de drogas e branqueo de capitais, pero deberá comparecer ante o xuíz cada 15 días
Por Redacción
O xuíz José Antonio Vázquez Taín deixou en liberdade con cargos a sobriña do patriarca do clan de narcos de Los Charlines, Rosa Charlín, tras ser detida no seu chalé de Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) en posesión de máis de catro quilos de cocaína e 12 de haxix. O titular do Xulgado de Instrución número 2 de Santiago si decretou o ingreso en prisión da súa parella, Jorge Durán Piñeiro.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Rosa Charlín, de 43 anos, quedou en liberdade coa obriga de comparecer cada 15 días no xulgado e Durán Piñeiro, de 42 anos, ingresou en prisión comunicada e sen fianza. En ambos os dous casos, o xuíz Taín impútalles un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e outro de branqueo de capitais.
Segundo informou a Policía Nacional, a súa detención na tarde do mércores 19 de xuño teñen relación coa operación policial do pasado 7 de xuño na que os axentes detiveron catro individuos acusados de subministrar todo tipo de substancias estupefacentes a media escala. Tratábase dun dos focos de distribución a camelos de Santiago e da súa área de influencia.
A primeira fase do operativo saldouse coa detención dos responsables, así como da intervención de medio quilo de cocaína, seis quilos de haxix, máis de 100 plantas de marihuana e case 700 gramos da devandita substancia preparada para a súa distribución. As plantas intervidas formaban parte dun macroviveiro instalado nunha nave industrial dun polígono de Padrón e tamén houbo rexistros nas localidades de Teo e Negreira.
A Policía localizou na súa casa 12 quilos de haxix, máis de catro quilos de cocaína e case 15.000 euros en efectivo
Hai catro meses que os axentes, pertencentes ao grupo de estupefacientes da Comisaría de Santiago, estaban tras a pista dunha "pequena rede" que foi desmantelada e froito de tales investigacións se inicia esta segunda fase do operativo policial, permitindo localizar a vivenda de Vilagarcía onde tiñan a súa base de operacións, na que foron arrestados Rosa Charlín e Jorge Durán.
A droga, principalmente cocaína e hachix, ocultábana nun pequeno zulo da casa onde se efectuaron os rexistros e coa súa detención os investigadores dan por finalizada esta segunda fase, na que conseguiron desmantelar o foco de onde proviña o groso das substancias distribuídas nesta cidade. Nos rexistros realizados interviñeron 12 quilos de haxix, máis de catro quilos de cocaína e case 15.000 euros en efectivo, ademais de numeroso instrumental para a preparación e distribución da droga e varios teléfonos móbiles.
Segundo a Policía Nacional, nos últimos meses, os policías que estaban a cargo da investigación, sospeitaban que ambos os dous individuos poderían estar inmersos nesta rede de distribución, polo que lles seguiron a pista ata que conseguiron detelos. A investigación segue aberta á espera de descubrir algún que outro negocio relacionado con estes dous individuos.
Relacionadas:
-
Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspendido o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín para estudar a petición de nulidade da defensa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Jorge Durán desvincúlase das actividades de narcotráfico que o volveron sentar no banco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xuíz Vázquez Taín ordena a detención de Rosa Charlín e Jorge Durán
Por Redacción |