As obras no Pavillón Municipal entran na súa recta final
Por Alejandro Espiño
Nos primeiros días de outubro o Concello de Pontevedra espera ter rematadas as obras do Pavillón Municipal. Así o destacaron tanto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, na visita que fixeron a unhas instalacións que, coa substitución da súa cuberta, ofrecerá unha "mellora substancial en todos os sentidos".
"Intentaremos por todos os medios que o día 8 xa estea listo", avanzou Fernández Lores, pensando no próximo partido que a SD Teucro ten que xogar na casa.
Os traballos están xa na súa recta final. Durante toda esta semana colocouse a nova cuberta do pavillón -só falta completar o canlón central- e as capas que impermeabilizarán toda a estrutura do pavillón para evitar que se reproduzan as goteiras dos últimos anos e permitirán ao mesmo tempo o seu illamento térmico.
A solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e a estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80. A nova cuberta está formada por unha cuberta sándwich e conta ademais con varias placas de policarbonato celular, entre as que se colocou la de rocha translúcida como illamento.
O alcalde explicou que con esta solución, a diferenza da cuberta retirada, "a luz vai poder entrar" polo que reducirase notablemente a factura eléctrica da iluminación ao poder adestrar os equipos que usan o pavillón sen ter que acender as luces das instalacións.
Neste sentido, no pavillón investíronse 50.000 euros na renovación de toda a instalación interior con sistemas de control e 80 luminarias LED interactivas de alta eficiencia deseñadas e fabricadas en Pontevedra. Así poderase reducir un 54% o seu consumo enerxético.
A iluminación controlarase cunha pantalla táctil de 7" comunicada con cada luminaria a través dun sistema de control DALI. Esta tecnoloxía permite realizar acendidos selectivos de luminarias en cada zona da pista, regulacións do 0% ao 100% en cada luminaria.
Como melloras do proxecto tamén se realizou o pintado das cerchas da estrutura, un traballo xa realizado e valorado en 65.000 euros.
As obras están sendo executada pola empresa Gómez Crespo Obras e Servizos S.L. por valor de 605.951,06 euros, seguindo os ditados dos planos do arquitecto Alejandro de la Sota, artífice do Pavillón Municipal no ano 1964.
Nos próximos días, a empresa acometerá os "últimos retoques", entre eles, a limpeza de todo o ámbito do pavillón no que se actuou e arranxaranse os estragos que se produciron na pista de parqué das instalacións.
Relacionadas:
-
Comeza a instalación do pavimento deportivo sintético no Pavillón dos Deportes
Por Redacción |
-
O Pavillón dos Deportes volverá estar operativo o vindeiro xoves 13
Por Redacción |
-
O Teucro empezará a liga en Príncipe Felipe polo atraso das obras no Municipal
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Ollo coas planchas da cuberta do Pavillón!
Por Redacción |
-
Empezan a retirar a vella cuberta do Pavillón Municipal
Por Redacción |