O Pavillón dos Deportes volverá estar operativo o vindeiro xoves 13
Por Redacción
A apertura do Pavillón Municipal dos Deportes xa ten data. Será o vindeiro xoves 13 de outubro cando finalicen as obras de instalación da nova cuberta e do acondicionamento da pista deportiva.
Ao longo desta semana xa se abriron os ximnasios da instalación e durante os próximos días finalizaranse os traballos de pulido, pintado e vernizado da pista de xogo para que poida estar dispoñible e en perfectas condicións para que os equipos pontevedreses poidan disputar os seus encontros o próximo fin de semana.
A previsión do Instituto Municipal dous Deportes e da concelleira Anxos Riveiros é que se poidan abrir totalmente as instalacións unha vez que pase a ponte do Pilar, a condición de que non xurdan novos contratempos como o da necesidade de acometer o tratamento da pista de xogos.
A obra contou cun orzamento superior aos 600.000 euros e foi executada pola empresa Gómez Crespo, atendendo os planos do arquitecto Alejandro da Sota, creador do Pavillón no ano 1964. Os traballos tivéronse que afrontar debido a que a vella cuberta filtraba auga e tampouco respectaba o proxecto orixinal.
Durante estas obras levaron a cabo outras melloras como o pintado das cerchas da estrutura por un importe de 65.000 euros e a renovación da iluminación da pista cun orzamento de 50.000 euros.
Estes traballos forman parte, segundo o Concello, da primeira fase da gran reforma do Pavillón Municipal antes de que comece a construírse o novo Pavillón da Parda, que cando estea finalizado permitirá levar a cabo unha mellora substancial destas instalacións situadas nas proximidades do río Lérez.