En decembro estarán rematadas as obras de reparación do colector de pluviais da PO-315 en Bueu

Por Redacción
Comezaron as obras de reparación do colector de pluviais, situado na estrada PO-315 entre Bueu e Cangas ao seu paso polo municipio de Bueu. Estes traballos contan cun investimento de case 20.000 euros financiado pola consellería de Infraestruturas e adxudicada á empresa Construcciones Obras y Viales (COVSA).
As actuacións afectan o tramo entre os puntos quilométricos 2+080 e o 2+150. Estas obras teñen como principal obxectivo a colocación dun colector de drenaxe nun tramo de 81 metros situado á saída desta localidade pontevedresa en sentido Beluso, para o que previamente levará a cabo a demolición da beirarrúa actual, que se repoñerá tras a instalación do colector.
As obras teñen un prazo de execución de dous meses, polo que se espera que en decembro estean finalizadas.
Neste tramo executouse no seu día unha beirarrúa sen sistema de recollida das augas de drenaxe, o que provocaba a inundación da calzada con frecuencia, segundo informa a consellería.