Marín, abocado a unha folga na recollida de lixo tras concluír sen acordo o pleno extraordinario
Por Redacción & Mónica Patxot
Sen acordo terminou o pleno extraordinario que se celebrou en Marín para tratar de resolver o conflito laboral que se aveciña no servizo de recollida de lixos. O PP non aceptou a moción conxunta presentada por BNG, PSdeG-PSOE e Marea Marín -apoiada polos traballadores- e estes tampouco aprobaron a emenda presentada polos populares.
A sesión desenvolveuse nun salón de plenos abarrotado polos traballadores de Urbaser e as súas familias, que portaban unha pancarta na que reclamaban que se manteña a todos os traballadores no servizo e se garanta a través do prego do novo contrato, que sairá a licitación ao terminar a adxudicación actual en febreiro de 2017.
Eusebio Justo, portavoz dos traballadores, foi o encargado de facer oír as súas reivindicacións. Aseguran que o prego redactado deixaría en mans da nova concesionaria, entre outras cuestións, a dimensión do persoal e advirten que a memoria económica recolle unha sensible redución do custo social dos traballadores e uns salarios por baixo do convenio.
Por iso, o representante de CC.OO lembrou que a folga indefinida convocada para esta semana aprazouse para dar unha nova marxe de confianza para alcanzar unha solución política, pero asegurou que se o goberno municipal rexeitaba estas reivindicacións "non imos tirar a toalla" porque seguirán mobilizándose "ata conseguilo".
Na moción presentada pola oposición municipal reclamábase tamén que se outorgue máis puntos á empresa que ofreza un persoal máis amplo e mellores condicións laborais ou que se prime que as instalacións da empresa estean en Marín. Ademais, denuncian que cuestións organizativas como horarios ou puntos de recollida déixanse a criterio da empresa.
Os concelleiros do PP votaron en contra, alegando que moitas destas cuestións poderían provocar que o concurso fora impugnado nos tribunais por parte dalgunha das empresas que se presenten. O voto de calidade da alcaldesa, María Ramallo, tombou as propostas da oposición e dos traballadores de Urbaser.
Os populares trataron de presentar unha emenda na que se recollía que se incluíse nos pregos que o adxudicatario deste contrato terá un persoal mínimo de 16 traballadores -os que ten Urbaser actualmente-, que se manterían durante os oito anos de servizo. Foi rexeitada ao entender que deixa a súa viabilidade en mans dos técnicos municipais.
Relacionadas:
-
Os novos pregos do servizo de recollida do lixo recollen as propostas dos traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
A alcaldesa de Marín comprométese a incorporar un mínimo de 16 traballadores no prego da recollida do lixo
Por Redacción |
-
O persoal de Urbaser en Marín manterá unha xornada de folga o vindeiro luns
Por Oskar Viéitez |
-
Aprazan a folga na recollida de lixo en Marín á espera dun acordo político
Por Redacción |
-
A folga indefinida na recollida de lixo ameaza Marín
Por Redacción & Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A oposición solicita un pleno extraordinario para tratar as demandas do persoal de Urbaser
Por Redacción |