Os novos pregos do servizo de recollida do lixo recollen as propostas dos traballadores
Por Oskar Viéitez
Os novos pregos do concurso para a adxudicación da concesión do servizo de recollida do lixo no concello de Marín foron entregados este venres aos grupos municipais e á representación dos traballadores da actual concesionaria Urbaser.
Trátase da documentación completa e definitiva elaborada despois dos estudos dun primeiro borrador, das alegacións presentadas polos traballadores, da celebración de comisións extraordinarias cos grupos municipais e da celebración dun pleno extraordinario a solicitude dos grupos da oposición.
Dos cambios admitidos está reflectido a subrogación do persoal da empresa Urbaser, actual concesionaria, con cantidades e seguridade social, así como as distintas categorías existentes na actualidade. Concretáronse os gastos de persoal de recollida e outros aspectos que antes estaban contemplados de maneira xenérica.
Inclúese a condición de manter un persoal mínimo que se traduce nos 16 traballadores que con carácter indefinido prestan a día de hoxe o seu traballo en Marín e que deberán ser subrogados polo novo contrato.
Actualizáronse todas as categorías actuais como fora solicitado, adaptándoas ás actuais.
Entre outras novidades redúcense as frecuencias na recollida selectiva o que xerará unha mellora do servizo.
O Concello mantén a modalidade contractual elixida, un contrato máis curto no tempo que o actual de 16 anos máis 8 de posibles prórrogas, proponse un contrato cunha duración máis medida no tempo, de 8 anos, sen posibilidade de prórrogas.
Unha condición que o goberno local cualifica como "importante" é a de manter o prezo do recibo polo que neste prego de condicións aplícase a máxima "ter o mellor servizo que sexa posible ofrecer a ese mesmo custo".
Relacionadas:
-
A nova empresa que xestione o lixo de Marín deberá reciclar un 50% dos residuos en 2020
Por Redacción |
-
Ramallo prorroga o contrato da recollida do lixo ata que se adxudique o novo concurso
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición celebra o cambio de postura do Concello cos traballadores de Urbaser
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Marín comprométese a incorporar un mínimo de 16 traballadores no prego da recollida do lixo
Por Redacción |
-
O persoal de Urbaser en Marín manterá unha xornada de folga o vindeiro luns
Por Oskar Viéitez |
-
Marín, abocado a unha folga na recollida de lixo tras concluír sen acordo o pleno extraordinario
Por Redacción & Mónica Patxot |