A oposición celebra o cambio de postura do Concello cos traballadores de Urbaser
Por Redacción
A presión exercida, segundo a oposición municipal, co pleno extraordinario no que o Concello de Marín debateu sobre o novo contrato do servizo de recollida de lixo, fixo que o goberno local de María Ramallo cedera e cambiara de postura con respecto aos actuais traballadores de Urbaser que, agora si, quedarán protexidos no prego de licitación.
Nun comunicado que asinan as voceiras de PSdeG-PSOE, BNG e Marea Marín, Luz Santiago, Pilar Blanco e Sandra Pesqueira, os tres partidos sinalan que o pleno foi o "punto de inflexión" que agardaban os traballadores nas negociacións iniciadas co grupo de goberno e que foran negativas ata este momento.
O goberno do PP, recordan, rexeitou as propostas referidas ao emprego e os salarios, manifestando, por boca da alcaldesa, que establecer un plantel mínimo non era posible por ser "perfectamente ilegal", pechando así a porta á modificación dos pregos.
Agora, meses despois "demostrase que os intereses dos traballadores son legais e garantilos só depende de que haxa vontade política".
O novo prego recollerá un plantel mínimo de 16 traballadores, os mesmos que con carácter indefinido prestan a día de hoxe o seu traballo en Marín e que deberán ser subrogados polo novo contrato.
Con todo, a oposición asegura que estudarán detidamente o novo documento que lles foi entregado o venres pasado.
Nesta análise queren asegurarse de que os custos de explotación non sexan inferiores ao custo dos salarios anuais da totalidade da plantel, de que se valoren os medios persoais, de que o novo contrato tome como base para determinar os custos de explotación os valores medios do sector e que determine o custo anual por categorías indicando a función profesional, o número de traballadores e o salario anual coas súas especificidades correspondentes.
Ademais, seguirán insistindo en que o centro de traballo se sitúe dentro dos límites xeográficos do municipio de Marín.
"Queda por ver se esta nova contratación, máis cara para o Concello, suporá ou non unha mellora no servizo e cales van a ser as consecuencias para os veciños e veciñas de Marín que son os que, directa ou indirectamente, pagan a recollida, transporte e tratamento dos residuos", sinalan PSdeG-PSOE, BNG e Marea Marín no seu comunicado conxunto.
Relacionadas:
-
Admitidas as ofertas de cinco empresas para o contrato de recollida de lixo en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A nova empresa que xestione o lixo de Marín deberá reciclar un 50% dos residuos en 2020
Por Redacción |
-
Ramallo prorroga o contrato da recollida do lixo ata que se adxudique o novo concurso
Por Oskar Viéitez |
-
Os novos pregos do servizo de recollida do lixo recollen as propostas dos traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
A alcaldesa de Marín comprométese a incorporar un mínimo de 16 traballadores no prego da recollida do lixo
Por Redacción |