Luz verde á Senda Cabalar do Lérez
Por Redacción
O Concello de Cotobade e a Xunta de Galicia van crear a Senda Cabalar do Lérez coa habilitación dun percorrido de 20,2 quilómetros de lonxitude dividido en oito treitos que percorren numerosas zonas de interese cultural, patrimonial, etnográfico, arquitectónico e medioambiental do municipio e da contorna.
Esta iniciativa foi presentada polo Concello de Cotobade ao departamento de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, e foi aceptada, polo que será a administración autonómica a que se encargue dos gastos de habilitación desta Senda Cabalar do Lérez.
A actuación, que ten un orzamento duns 18.000 euros, céntrase principalmente na realización de desbroces manuais dos laterais á pista central (1,53 quilómetros), desbroces manuais (6,72 quilómetros) e desbroces mecanizados (3,21 quilómetros), mentres que os 8,75 quilómetros restantes non precisarán de ningún traballo ao atoparse en boas condicións para os percorridos a cabalo.
Ademais, nas numerosas zonas nas que existen petróglifos procederase a acometer unha limpeza manual exhaustiva.
A Senda Cabalar do Lérez está configurada como un roteiro circular que parte do Ecoparque de Atalaia realizando un percorrido entre as parroquias de Viascón e San Xurxo de Sacos e pasando pola zona de Fentáns. Está concebida como unha actividade dun día de duración, xa que hai moitas paradas establecidas ao discorrer por numerosos puntos de interese, como petróglifos, capelas ou zonas naturais protexidas na marxe do Lérez e nos montes de Cotobade.
Deste xeito, preténdese conxugar a actividade cabalar coa divulgación do patrimonio do municipio, o que supón un valor engadido no campo do turismo.
Este roteiro, que nalgúns puntos chega a acadar o 40% de pendente, está dividido en oito treitos, que son os seguintes: Atalaia-Pontelodeiro; Pontelodeiro-Parque Arqueolóxico; Parque Arqueolóxico-Fentáns; Petróglifo Laxe das Ferraduras-Capadoiro; Nosa Señora de Lixó; Capela de Lixó-Pontenova; Pontenova-Cutián; e Cutián-Atalaia.
O alcalde cotobadés, Jorge Cubela, amosouse moi satisfeito da acollida do proxecto por parte da Xunta e explicou que esta iniciativa impulsada polo goberno local "é unha mostra máis do apoio de Cotobade a todas as asociacións cabalares para seguir dinamizando esta actividade, que está moi enraizada no noso concello e que debemos seguir promovendo entre todos".
Relacionadas:
-
Medio Ambiente rematará este ano as obras de adecuación da senda cabalar na contorna do río Lérez en Cotobade
Por Redacción |
-
Caroi será zona de custodia para o cabalo galego de monte
Por Redacción |
-
A loita contra o lume saca a cabalería
Por Natalia Puga |
-
Xinetes de toda Galicia daranse cita o domingo na VIII Gala Hípica de Campañó
Por Redacción |