Medio Ambiente rematará este ano as obras de adecuación da senda cabalar na contorna do río Lérez en Cotobade
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio prevé rematar este ano as obras de adecuación da senda cabalar da contorna da Zona de Especial Conservación do Río Lérez no Concello de Cerdedo-Cotobade.
A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, xunto co presidente da xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou a zona de actuación. O obxectivo é adecuar un roteiro para que se poida percorrer a cabalo, pero tamén a pé, unindo e poñendo en valor os puntos de interese natural e arqueolóxico do municipio na contorna do río Lérez.
A lonxitude total do roteiro é de máis de 20 quilómetros sendo o punto de chegada, e o de saída, as instalacións do Ecoparque Atalaia, que é un centro de turismo activo. Durante o percorrido –dividido en varios treitos- propóllense varias paradas, nos puntos de interese máis relevantes da ruta, co fin de unir o uso público coa conservación da biodiversidade.
Ao longo da senda pódense atopar distintos bens arqueolóxicos, como petróglifos, pontes; e bens etnográficos, como o peto de ánimas, ou bens arquitectónicos, como distintas capelas; pero sobre todo cómpre sinalar que o trazado está deseñado para discorrer por zonas de grande interese ecolóxico, como carballeiras ou zonas húmidas de ribeira, que transcorren próximas ao río Lérez en gran parte do trazado, e cruzando distintos regatos, podendo gozar da natureza autóctona.