A Deputación completa o Plan Concellos con 40 millóns de euros en investimentos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de completar ao 100% o Plan Concellos 2016 cunha última partida aprobada na Xunta de Goberno para Marín, que era o único municipio que quedaba por pechar os investimentos previstos dentro deste plan provincial.
Con esta derradeira contía de 255.521 euros en Marín, o Plan Concellos completa as súas catro liñas de actuación, cun importe global de máis de 39,9 millóns de euros destinados aos 60 municipios pontevedreses incluídos no plan.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a importancia de ter completado este Plan Concellos nos dez primeiros meses do ano, xa que supoñen investimentos primordiais para os municipios da provincia, "porque levamos aos concellos equipamentos e servizos básicos que precisan, dando resposta así ás súas demandas e necesidades".
Entre os investimentos de maior orzamento, Silva destacou, por exemplo, os 701.000 euros destinados a Vilagarcía de Arousa para a construción dunha escola infantil en Vilaxoán ou tamén os 349.000 euros a Moaña para melloras de saneamento en Miranda e Tirán; Caldas de Reis percibiu 345.000 euros para actuacións na Finca Tafona; e para Bueu foron 315.000 euros para a restauración do estaleiro Banda do Río e Carpintería de Ribeira.
Ao facer balance do Plan Concellos 2016, a presidenta provincial tamén salientou, ademais da importancia dos investimentos para obras e equipamentos, a súa relevancia en canto a creación de emprego.
A conta destas axudas téñense creado este ano 1.161 postos de traballo no conxunto da provincia.
A conta destas axudas téñense creado este ano 1.161 postos de traballo no conxunto da provincia
Foron unhas actuacións ademais que rapidamente se completaron, xa que esta liña adicada ao emprego xa quedou concedida ao 100% no primeiro trimestre do ano.
Silva tamén fixo fincapé nos cambios que supuxo este Plan Concellos 2016 con respecto "ao que había antes". Incrementáronse as partidas en máis dun 30%, ao pasar dos 30 millóns de euros en 2015 aos 40 millóns de euros neste ano. A cantidade fixa que recibe cada concello medrou, de media, nun 31% máis. Desapareceu o 20% de libre disposición, "que antes permitía repartir parte dos fondos sen criterios obxectivos nin equidade".
En total, a cifra final de investimentos este ano nos concellos está por enriba dos 65 millóns de euros
Por último, a presidenta tamén destacou que con este plan se lle deu pulo ao principio de autonomía municipal, xa que agora cada concello decide libremente as actuacións que desexa realizar.
Ademais dos case 40 millóns de euros de investimentos do Plan Concellos, dende a Deputación estanse achegando outras moitas partidas para os municipios da provincia a través das medidas e programas dos diferentes servizos provinciais, como igualdade, cohesión social, xuventude, deportes ou cultura.
En total, a cifra final de investimentos este ano nos concellos está por enriba dos 65 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Bueu recibirá máis de 100.000 euros para seguir rehabilitando o Estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
O Plan Concellos cambiará para "reequilibrar" a provincia tras anos de "caciquismo" de Louzán
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Caldelas completa o seu Plan Concellos e Marín recibe 65.000 euros máis
Por Redacción |
-
Caldas recibe 450.000 euros do Plan Concellos para renovar a rúa Loureiros e actuar na finca "A Tafona"
Por Redacción |
-
O Grove destinará máis de 400.000 euros da Deputación ao seu futuro auditorio e escola de música
Por Redacción |