Pontevedra reclama a Facenda a devolución de case 88.000 euros
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra presentou un requirimento ao Ministerio de Facenda para que anule a liquidación dos ingresos que o Estado remitiu no ano 2014 e emita unha nova resolución que corrixa unha deficiencia detectada en prexuízo dos intereses municipais.
Facenda incluíu na súa liquidación a devolución do coñecido como céntimo sanitario cando, segundo lembrou o portavoz do goberno local, Raimundo González, a retención desta contía -que en Pontevedra ascende a 87.443,32 euros- téñenlla que aplicar á Xunta de Galicia.
Así quedou de manifesto nunha recente reunión da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que alertou aos concellos galegos deste erro, detectado inicialmente polos concellos de Canarias.
Tras revisar esta liquidación, os servizos económicos do Concello comprobaron que o Estado lles retera ese diñeiro de forma irregular, polo que instan a Facenda a corrixir esta situación.
En total, Pontevedra recibiu do Estado en 2014 un total de 18.096.000 euros, un millón máis do que se prevía inicialmente. Trátase dun diñeiro que o Goberno traslada aos concellos a través do fondo de compensación e da cesión dunha porcentaxe da recadación dos impostos estatais en cada un dos municipios.