O Sergas asegura que en menos de 24 horas emendou a avaría que estaba disposto a reparar un paciente afectado
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) enviou dous caudalímetros novos ao centro de saúde de Ponte Caldelas ao día seguinte de ter recibido a notificación da avaría nunha das bombonas de osíxeno do centro debido ao desgaste dunha xunta tórica.
Nun comunicado, o Sergas informa que o aviso foi dado ao servizo de mantemento o pasado 19 de setembro ao redor das 14.30 horas e o día 20 de setembro, a primeira hora, xa se procedera á emisión dos novos aparellos de medición.
Deste xeito o Sergas sae ao paso das queixas formuladas polo Concello de Ponte Caldelas que remitiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, na que solicita melloras tanto na calidade do servizo que se presta aos pacientes como no edificio do centro de saúde.
O goberno local desvelou o caso dun veciño con dificultades respiratorias que tivo que desprazarse a Pontevedra porque a bombona de osíxeno do centro de saúde que necesitaba estaba avariado pola deterioración dunha simple peza, que custa 45 céntimos. Foi o propio veciño quen trouxo un recambio.
Dende o Sergas sinalan que o desgaste destas pezas "é algo do máis habitual ", dado o uso que se lle dá ás bombonas de osíxeno nos centros sanitarios, "polo que a súa reposición faise de maneira inmediata no momento no que se recibe a notificación".
No caso do centro caldelán, non só se procedeu a substituír a peza danada, senón que se remitiron dous novos aparellos de medición.