A xuízo por tratar de introducir cocaína en España camuflada en bloques de granito
Por Redacción
Un rechamante xuízo por tráfico de drogas chegará esta semana á Audiencia de Pontevedra. Sentarán no banco dous homes que están acusados de importar droga desde Chile oculta en bloques de pedra para distribuíla posteriormente en España.
Na vista oral, que se celebrará na sección segunda da Audiencia pontevedresa, a Fiscalía pedirá dez anos de prisión para un home que responde as iniciais E.G.A. e trece anos para F.G.M., ao consideralo reincidente xa que foi condenado en 1996 pola Audiencia Nacional a quince anos de cárcere por tráfico de drogas
Ambos, segundo o escrito de acusación, a principios de 2012 acordaron introducir en España unha importante cantidade de cocaína para vendela en pequenas doses.
Para introducir a droga no país idearon un curioso sistema de camuflaxe. A cocaína ía viaxar oculta entre bloques de granito, similares aos empregados na construción. A pedra era legalmente importada e chegaría a España desde Sudamérica por vía marítima, evitando así os controis das autoridades nacionais e internacionais.
O fiscal antidroga, Luís Uriarte, destaca que para dar aparencia legal a este negocio crearon unha sociedade con sede no concello pontevedrés de Salceda de Caselas e alugaron unha nave industrial na que almacenar a droga, situada nun polígono de Rubiera Sola (Almería), onde se asentaban varias empresas dedicadas á cantería.
Os acusados tamén realizaron unha serie de xestións para adquirir a maquinaria necesaria para extraer a cocaína que ía vir camuflada nas pedras.
A operación non fraguou porque as autoridades aduaneiras chilenas inspeccionaron o colector que esperaban os dous acusados, atopando no interior de catro rocas de granito noventa paquetes con cocaína dun quilo cada un e que, no mercado, alcanzaría un valor superior aos catro millóns de euros.
Ademais da pena de prisión, a Fiscalía solicita que se impoña a cada un dos acusados unha multa de 24 millóns de euros.