A Deputación pon en marcha un plan para compensar a aqueles concellos prexudicados durante a etapa de Louzán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra anuncia a posta en marcha dun plan destinado a compensar a aqueles municipios que se viron prexudicados pola repartición de fondos levado a cabo durante a anterior etapa de goberno do presidente provincial, o popular Rafael Louzán.
O deputado de Cooperación, David Regades, compareceu este mércores en rolda de prensa para presentar o denominado "PICEI 2016", siglas coas que se coñece o plan de investimentos en equipamentos e infraestruturas para concellos de menos de 20.000 habitantes.
Regades explicou que esta iniciativa é "complementaria" ao Plan Concellos e que xorde despois dunha análise da xestión levada a cabo nos últimos tempos na institución provincial na que "detectamos que había necesidades que non se cubriron", mesmo houbo municipios como Poio, Fornelos e A Guarda que, entre 2009 e 2015, "non recibiron axudas nin asinaron ningún convenio", máis aló dos que obriga a lei.
Co propósito de reequilibrar os investimentos para que todos os concellos poidan ter "os mesmos servizos e os mesmos dereitos", David Regades anunciou a dotación deste plan con 1.129.713 euros para investir nas propostas "deseñadas polos propios concellos".
"Que isto non se entenda como un ataque a aqueles concellos que máis recibiron", dixo David Regades.
Nunha primeira edición deste plan asinaranse convenios con municipios como Vilaboa (que destinará 150.000 euros á remodelación das instalacións do Club de Piragüismo), ou A Lama (que investirá 30.000 euros en iluminación pública), ademais doutros concellos como Fornelos de Montes, Silleda, Catoira, As Neves, O Porriño e Forcarei.
O deputado David Regades sinalou que nesta repartición de fondos hai concellos "de distinta cor política" e prometeu que o goberno provincial "seguirá traballando" en novas edicións deste plan para "corrixir deficiencias" e pediu "que isto non se entenda como un ataque a aqueles concellos que máis recibiron".
Relacionadas:
-
Luz verde ás instalacións do club de piragüismo de Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Vilaboa contratará dez persoas con cargo ao Plan Concellos 2017
Por Redacción |
-
O goberno provincial cualifica de "escrache" o acto de protesta protagonizado por trinta alcaldes do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Cales foron os concellos máis beneficiados polo 'dedo' de Louzán?
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que a Deputación recuperou os "convenios a dedo" que tanto criticou
Por Redacción |
-
O "exitazo" de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Concellos cambiará para "reequilibrar" a provincia tras anos de "caciquismo" de Louzán
Por Alejandro Espiño |