Arquivan a denuncia presentada por María Rey contra César Abal
Por Alejandro Espiño
César Abal non será sancionado por filtrar, presuntamente, información persoal da ex parella de María Rey ao xornal ABC. Así o determinou hoxe o goberno municipal, que decidiu arquivar o expediente sancionador aberto tras a denuncia presentada pola portavoz de Cidadáns contra o concelleiro do PP.
O portavoz do goberno, Raimundo González, explicou que non se puido demostrar que César Abal incumprise o deber de sixilo que teñen que gardar todos os concelleiros da corporación, é dicir, non revelar información obtida pola súa condición de edil.
Ademais, "non é clara", segundo o goberno municipal, a súa competencia para sancionar "directamente" a un concelleiro.
Esta decisión tomouse tras recibir as alegacións presentadas por Abal ante a apertura deste expediente sancionador. O edil do PP asegurou que sempre cumpriu co deber de sixilo e negou difundir a información que deu orixe á denuncia.
María Rey ten aberta a posibilidade, se ela o considera oportuno, de exercer as accións legais "que considere oportunas", segundo Raimundo González, pero a interesada avanzou que non o fará.
A preguntas dos xornalistas, a portavoz de Cidadáns asegurou que coa súa denuncia "buscaba poner de manifiesto la política de César Abal y de eso ha quedado constancia" e que esperaba que se arquivase desde o momento en que a presentou.
Reiterou que "estoy convencida de que fue él" quen filtrou a información ao ABC "aunque sé que no puedo demostrarlo", xa que insistiu en que César Abal foi a única persoa que accedeu ao expediente da súa ex parella "y así está registrado"; e fíxoo antes de que se publicase a noticia no rotativo madrileño.
Por iso, María Rey adiantou que "no le voy a pedir perdón".
Relacionadas:
-
César Abal agarda que María Rey ofreza desculpas e unha explicación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello dá luz verde ao expediente sancionador a César Abal a instancias da edil de Cidadáns
Por Oskar Viéitez |
-
María Rey esixe sancionar a César Abal por filtrar á prensa información sobre ela e a súa ex parella
Por Alejandro Espiño |