Os comerciantes piden axuda á Policía Nacional ante o repunte de roubos en locais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) denuncia que os establecementos da cidade están a sufrir unha onda de roubos con forza en locais pechados causando desfeitas. Víctor Pampín, presidente desta asociación, apunta a que en moitas ocasións, os empresarios ven obrigados a manter os locais pechados ata poder acometer a reparación. Indican que estes sucesos incrementáronse nos dous últimos meses nos que máis de 12 locais de Pontevedra se viron afectados. Pampín aseguraba que mesmo se detectaron roubos en máis dun establecemento durante a mesma noite.
Estes roubos con forza tamén están acompañados, segundo denuncian os empresarios, de furtos realizados por xente especializada como roubos de bolsos, carteiras e móbiles.
Por este motivo, os integrantes de Hoempo solicitaron un encontro con axentes da Policía Nacional. Este martes, policías encargados de Participación Cidadá reuníanse cos empresarios na sede de AEMPE para ofrecerlles información sobre como deben actuar para evitar furtos.
Roberto Carrera, policía delegado de Participación Cidadá, alertou da necesidade de que os comerciantes se mentalicen de que o labor de seguridade non só corresponde ás forzas da orde senón tamén aos donos dos locais.
Neste sentido, afirma que en Pontevedra detéctase que en diversos locais comerciais hai portas de servizo moi sinxelas, que en 30 segundos poden ser abertas polos amigos do alleo. Na maioría dos roubos con forza rompen xanelas e portas, apunta o axente. Tamén se están rompendo enreixados forzando o caxetín para acceder a estes espazos. Carrera sinalou que se trata de casos moi concretos do mesmo xeito que os furtos nos comercios, que coinciden habitualmente co inicio das clases ou coas rebaixas.
Nestes casos de furto, sinala que adoitan operar dúas ou tres persoas de maneira conxunta, pero non se ten constancia desde a Comisaria da actuación de bandas organizadas. Indica que se detectou o furto por parte de menores. Afirma que o modus operandi dos ladróns é levar a cabo furtos ao descoido para levar pezas de roupa ou extraer carteiras de bolsos de clientes.
Ante esta situación, a Policía Nacional recomenda aos clientes manter os bolsos pechados, evitar portar as carteiras nos petos de atrás do pantalón. E aos comerciantes pídenlles que fagan un especial seguimento do mantemento das alarmas comprobando que están ben fixadas nas pezas, ademais de afastar das zonas de entrada e de saída aqueles obxectos de maior valor.
En todo caso, Roberto Carrera recomenda que ante un roubo non hai que tentar ser valente e iniciar unha persecución. É preferible quedar con datos e ter unha listaxe da mercadoría para facilitarlle á Policía a súa intervención.
Relacionadas:
-
Prisión para os cinco integrantes dun grupo criminal polos roubos en comercios dos últimos meses
Por Natalia Puga |
-
Detido un mozo polo roubo con forza nun establecemento hostaleiro
Por Oskar Viéitez |
-
Rouban na cafetería La Fábrica dentro da vaga de saqueos a locais da cidade
Por Redacción |
-
"Cerrado porque nos han robado"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
A Policía Local detén en tres ocasións a un individuo por roubos con forza
Por Oskar Viéitez |
-
Buscan un mozo por un roubo nunha xoiaría en Benito Corbal
Por Natalia Puga |