Conclúe a misión comercial de Sanxenxo á WTM de Londres
Por Redacción
Conclúe a segunda misión comercial de Sanxenxo dentro do Clúster Turismo de Galicia á World Travel Market de Londres cun bo número de encontros profesionais agendados e coa apertura de contacto con 20 turoperadores británicos interesados na nosa oferta turística.
A estes encontros hai que engadir, ademais, os realizados pola súa conta por cada un dos profesionais que acudiron a esta feira de turismo internacional, a máis importante para o sector.
Tratándose dun mercado maduro como o británico, cun alto coñecemento das Rías Baixas e a súa potencialidade como destino turístico, moitos dos turoperadores que mantiveron encontros de traballo co sector galego fano buscando produto turístico especializado e de calidade, vinculado a diferentes nichos de mercado, entre os que destacaron especialmente o turismo activo e de aventura -buscando establecer lazos co turismo enogastronómico-, o turismo de luxo e o cultural, ademais de que hai interese en descubrir novas rutas ou novas experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago, máis aló da tradicional ruta a pé ou en bicicleta.
Entre as novidades tamén destacou a demanda de turoperadores de actividades vinculadas á observación da natureza, co obxectivo de desenvolver tours en Galicia vinculados, por exemplo, á ornitoloxía.
TRABALLO CON CONTINUIDADE
Ademais, seguiuse traballando os vínculos abertos na edición pasada, co obxectivo de continuar afianzando o traballo iniciado na edición pasada da WTM.
"Este tipo de encontros profesionais permítennos coñecer mellor as demandas dun mercado de tanto interese para nós como é o mercado británico, o segundo en peso en viaxeiros internacionais, despois de Portugal" explicou o presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González, que destacou a importancia de xerar encontros que deben seguir traballándose a medio e longo prazo.