O servizo de dermatoloxía do Chop, nomeado como o mellor de España na atención á psoriase
Por Redacción
O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de ser nomeado como o mellor de España na atención á psoríase.
Este é o segundo ano consecutivo no que a unidade é distinguido nos Premios Best in Class (BIC), uns galardóns que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos, e que recoñecen os mellores centros sanitarios e servizos de toda España pola calidade da súa atención ao paciente.
Directivos da área de Dirección Médica, de Enfermaría e de Calidade da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, desprazáronse este xoves a Valencia para recoller o galardón que recoñece publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
A psoríase é unha enfermidade crónica da pel que en España afecta a preto dun 3% da poboación. Se ben é certo que na área sanitaria de Pontevedra preto dun 80% dos casos nos que esta patoloxía presenta un estadio leve son controlados e supervisados dende Atención Primaria, a unidade de psoríase de Pontevedra atende unha media de 30 consultas semanais.
Ademais do premio obtido polo servizo de Dermatoloxía pola súa atención á psoríase, e da candidatura como mellor hospital, outros nove servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario de Pontevedra resultaron finalistas nas súas respectivas categorías na undécima edición dos Premios BIC.
Así, os servizos de Cardioloxía, Farmacia, Anestesia, Dermatoloxía, como servizo; Dixestivo, como área especializada e pola súa atención á hepatite C; Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia, a unidade de Nutrición clínica, a sección de procesos infecciosos de Medicina Interna, e Reumatoloxía, como unidade e pola súa atención á artitre reumatoide, foron seleccionados entre os cinco mellores de España.
Cabe destacar que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi o centro hospitalario, a nivel nacional, que máis candidaturas finalistas acadou, con dez servizos e procesos asistenciais nominados, ademais de optar tamén á distinción como mellor hospital.
Relacionadas:
-
O SERGAS busca xefes para os servizos de Reumatoloxía, Radiodiagnóstico e Dermatoloxía
Por Redacción |
-
O servizo de dermatoloxía do CHOP segue a acumular premios
Por Redacción |
-
A unidade de atención á psoríase de Pontevedra, todo un referente nacional
Por Redacción |
-
Nove servizos do CHOP seleccionados entre os cinco mellores de España
Por Redacción |