Atopan un Fungo da Morte, altamente tóxico, xunto ao colexio de Ponte Sampaio
Por Redacción
O alumnado de segundo e cuarto curso de Educación Primaria do CEIP de Ponte Sampaio desenvolveu un obradoiro micolóxico a través da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha coa fin de promovoer o uso da lingua galega entre os escolares de primaria, a través do achegamento aos cogomelos.
Amancio Castro, da asociación micolóxica "Brincabois" impartía a charla "Os cogomelos de Ponte Sampaio". Ás 10.30 horas, os escolares saíron a recoller cogomelos polos arredores do centro para, a continuación, realizar a montaxe dunha exposición dos exemplares recolleitos.
A estrela desta exposición é un cogomelo de variedade "Amanita Phalloides", altamente tóxico, atopado no camiño que rodea ao centro, na beira do río Verdugo.
A Amanita Phalloides é coñecida tamén como Fungo da Morte, "oronja verde", "canaleja", "oronja mortal" e cicuta verde. Tratáse dun fungo micorrizóxeno velenoso moi semellante a outros que son comestibles. Isto provoca que en moitas ocasións teña provocado o envelenamento accidental ao ser confundido con outras especies.
Está considerado o cogomelo máis mortífero para os humanos. As toxinas actúan sobre o fígado e os riles, dando lugar ao fallo hepático. A síndrome faloidiana actúa de maneira lenta, de forma que dificulta identificar a orixe da intoxicación. Os emperadores Claudio e Carlos VI de Habsburgo faleceron polo seu consumo.