O Concello, ante o acordo entre Xunta e Elnosa: "É unha tomadura de pelo. Nin Fraga se atreveu a tanto”
Por Alejandro Espiño
Tras prorrogar a permanencia de Ence durante 60 anos máis, segundo Carme Da Silva de forma "xa inxusta ", o goberno municipal teme que "tamén nos van a colar a Elnosa", algo que para o Concello "non é admisible". Así reaccionou a concelleira de Urbanismo e tenente de alcalde en Pontevedra ao coñecer o acordo alcanzado entre Xunta e Elnosa.
Nunha reunión celebrada en Santiago, os representantes da compañía electroquímica comprometéronse a realizar o investimento económico necesario para deixar de empregar o mercurio na produción de cloro -como obriga a lexislación europea-. A cambio, a Xunta anuncioulle que revisará a súa autorización ambiental para continuar na ría máis aló de 2017.
"É unha tomadura de pelo. Nin Fraga Iribarne se atreveu a tanto", asegurou a edil do BNG, ao lembrar que xa no seu día o ex presidente da Xunta deixou fóra a Elnosa do plan supramunicipal de Ence porque entendía que a súa situación, para unha fábrica destas características, era "absolutamente desafortunada".
O Concello móstrase firme en que "non pode continuar aí" e por iso avanzaron que poñerán todos os medios administrativos, políticos e sociais "que temos á nosa disposición" para frear esta "inxustiza" cara á ría e cara os cidadáns de Pontevedra que, dixo, teñen un posicionamento "claro e maioritario" en contra deste complexo industrial.
Ademais, Da Silva lembrou que Elnosa non cumpre os requisitos urbanísticos para continuar coa súa actividade en Lourizán e reiterou que, pase o que pase, aprobar o PERI que necesita é "inviable" e non se pode tramitar.
"O Concello pouco máis ten que dicir do que leva dicindo os últimos 17 anos", explicou Carme da Silva, que acusou á Xunta e a Elnosa de "facer negocio" á conta da saúde, do medio ambiente e da economía pontevedresa, destacando que a empresa "non ten problema" para desenvolver a súa actividade noutra localización.
O Concello lamenta que, mentres que en toda Europa, este tipo de complexos industriais afástanse cada vez máis das contornas urbanas, "aquí temos que tragar porque nos tratan como unha colonia".
Neste sentido, criticou o "pacto" que existe entre a Xunta de Galicia, o Goberno central, o Partido Popular e as empresas Ence e Elnosa para "consolidar" o complexo de Lourizán, algo que "vén desde hai tempo" e onde "houbo máis mans intervindo que o PP exclusivamente", en referencia ao executivo presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.
Por iso, a concelleira do BNG emprazou ás forzas políticas que "aparentemente" forman unha maioría alternativa á dereita no Congreso dos Deputados "a que actúen" e imposibiliten a permanencia de Ence e Elnosa na ría "modificando a lexislación".
Relacionadas:
-
O voto en contra do PP impide aprobar no Parlamento unha proposición non de lei do BNG sobre Elnosa
Por Redacción |
-
Que pasou cando Ana Pastor utilizou un caixeiro a dous metros da mesa de recollida de sinaturas contra Elnosa?
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Elnosa "torturan" o goberno de Lores con música de Pimpinela
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Comisión Europea advirte á Xunta que aplica unha directiva equivocada e máis permisiva coas verteduras de Ence
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Elnosa presentará a solicitude da autorización ambiental a primeiros de 2017 e mantén a súa loita co Concello
Por Anxo Lourido |
-
Elnosa, máis aló de 2017? A Xunta autorizará a súa continuidade se deixa de usar mercurio
Por Alejandro Espiño |
-
Tranquilidade en Elnosa ante a compra dunha fábrica de cloro en Torrelavega polo Grupo CUF
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta prorroga un ano a autorización ambiental de Elnosa "pasando" do Concello
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |