As chuvias regresan o xoves para permanecer durante a celebración do Nadal
Por Redacción
A semana comeza con altas presións que se atopan no norte da península, que ofrecen estabilidade. Con todo, ao longo deste luns 19 de decembro esa situación irase debilitando, segundo o servizo de Meteogalicia. As nubes situadas no norte da comunidade iranse estendendo progresivamente cara ao sur, afectando as Rías Baixas. As temperaturas situaranse entre os 6 e os 17 graos con ventos do nordés.
Durante o martes 20, Galicia queda nunha zona intermedia entre as altas presións do norte e unha borrasca centrada no Mediterráneo occidental. Predominarán os intervalos anubrados. As temperaturas mínimas ascenderán mentres que as máximas descenderán situándose entre os 7 e os 15 graos. Os ventos soprarán de compoñente norte.
O mércores 21, unha fronte situarase preto do litoral atlántico. Desta forma predominarán as néboas durante a mañá e os ceos presentaranse moi nubrados. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas non experimentarán cambios establecéndose entre 8 e 14 graos. Os ventos soprarán moi frouxos de dirección variable.
A partir do xoves iniciarase un período de incremento da inestabilidade debido á influencia das borrascas atlánticas. A probabilidade de precipitacións aumentará con entrada de frontes desde o Atlántico durante o fin de semana permanecendo durante os días de Noiteboa e Nadal. As temperaturas situaranse entre os 10 e os 14 graos.