Ponte Caldelas, unha illa dixital
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de conectarse á Internet por banda ancha á velocidade de 340 megas simétricos ao segundo. A operadora local Áurea é a nova provedora de servizos de datos e telefonía da institución municipal.
Áurea, nacida dentro do grupo empresarial Enermol (Eléctrica Los Molinos), completou o despregamento final dunha rede de fibra óptica que xa dá cobertura a todo o núcleo urbano e aos polígonos da Reigosa e O Campiño. O Concello é o primeiro cliente desta nova empresa, que agarda chegar aos 300 abonados en moi poucos meses.
O alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos concelleiros Enrique Vidal e Manuel Barreiro, recibiu á directiva de Áurea, encabezada pola directora xerente, Beatriz Estévez; o administrador, Marcial Estévez, e o seu responsable técnico, Aurelio Louro, para celebrar o cambio tecnolóxico nas oficinas municipais, onde tamén foi preciso realizar algunhas actualizacións no "hardware" para poder soportar unha conexión á rede destas características.
Dende o goberno local destacan que o municipio de Ponte Caldelas convértese nunha illa dixital ao ser o primeiro de Galicia en estar completamente conectado a través de fibra óptica.
Ponte Caldelas deixará así atrás o obsoleto servizo a base de ADSL que non pasaba dos 16 megas asimétricos no mellor dos casos, e con abundantes zonas de sombra, para estrear un servizo de moi alta calidade servido por cables de fibra óptica, un despregamento que aínda está a dar os seus primeiros pasos no territorio dos medianos e pequenos municipios galegos.