Bueu ferve polo Nadal
Por Oskar Viéitez
Os vinte nenos inscritos nos Obradoiros polo Nadal organizados desde o Concello de Bueu, xa están gozando desde este xoves dunha serie de actividades lúdico-educativas variadas para estas vacacións na sala de usos múltiples do Centro Social do Mar.
Entre as actividades que se van tratar están a elaboración de adornos de Nadal, xogos de rol con cociña en igualdade, Belén de Nadal, contacontos e teatro, xogos en grupo e deportivos, expresión musical e corporal, confección de agasallos desta época, carta a Papá Noel e Reis Magos, pintura e debuxos e talleres de prevención en xéneros.
Ademais destas actividades, na Praza de Abastos estase celebrando nestas mañás o curso "Larpeiradas da terra ", organizado polo Concello no marco do programa provincial Tecendo Lazos. Nel, diversos nenos e persoas maiores das súas familias comparten experiencias na cociña. A actividade desenvólvese ata o 29 deste mes, en horario de 11 a 13 horas (22,23 e 26 de decembro) e de 10.30 a 13 horas os restantes días.
Durante este venres estase desenvolvendo no recentemente estreado espazo exterior da Praza de Abastos, e no segundo andar do edificio un Mercado Especial de Nadal, no que hai un total de vinte e un expositores tanto de gastronomía, como de artesanía e horta.
Así, houbo postos gastronómicos con conservas, mirabel, cervexa, repostería de Nadal, embutidos, queixos froitos secos, horta, ademais de artesanía, con produtos de coiro, pel, xoiería botánica, hixiene ou incluso aromaterapia.
ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA
O Concello de Bueu xa está inmerso no proceso de administración electrónica dende o pasado setembro, e con sede electrónica desde fai pouco.
Así, os diferentes departamentos e servizos municpais xa están configuración de expedientes electrónicos, co obxectivo de axilizar os prazos dos trámites administrativos e a seguridade.
Ademais, en relación á recentemente posta en marcha da sede electrónica na Deputación de Pontevedra, a vila morracense xa remitiu un oficio para adherirse ao convenio que o ente provincial está poñendo en marcha para dar acollida a todos os concellos que o precisen. Por iso, este convenio suporá a redución de gastos para directos para o Concello de Bueu no que atinxe ao mantemento e formación en materia da administración electrónica.