Os sindicatos intentarán impoñer o xaxún toda a Semana Santa
Por Natalia Puga
Os sindicatos intentarán impoñer o xaxún en Semana Santa, que os pontevedreses non poidan comprar comida nos supermercados. CIG, CCOO e UGT presentaron este luns formalmente a convocatoria de folga na Xunta de Galicia en Vigo no sector do comercio da alimenación na provincia de Pontevedra para os días 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo, coincidindo con este período litúrxico.
Segundo indicou o secretario comarcal de FECOHT-CCOO en Pontevedra, Carlos Búa, a convocatoria afecta a toda a semana a excepción do Venres Santo, pois mesmo no Xoves Santo está previsto que abran as grandes superficies.
O sindicato CIG sinala que os sindicatos chegan á folga "ante os intentos da patronal de precarizar as condicións de traballo" e Carlos Búa engade que o fan "porque non queda outro remedio". Indica que con esta medida pretenden que a patronal "retire a oferta que ten sobre a mesa e logo empezaríamos a falar, pero sería dende o último convenio aprobado, senón é imposible. Non imos aceptar de ningunha maneira o que propoñen, son condicións sen parangón no tema laboral en España".
Búa recrimina que na mesa de negociación a patronal "só pecha portas, o que queren é que desaparezan os convenios e non imos permitir que volvamos á escravitude de hai 40 anos" e desmonta a tese dos empresarios de que a crise económica está a poñer o sector contra a parede e provocar moitos peches. "Non hai ningunha empresa de alimentación que esté pechada. Poderase consumir menos, niso estamos dacordo, pero non están pechando", aclara.
A convocatoria de folga fana os tres sindicatos presentes na mesa de negociación do convenio do comercio de alimentación. Respecto desta unidade, Búa sinala que no sector da alimentación "a unión sindical sempre foi boa e séguese mantendo, é o que fai a forza, que non consigan facer desunión".
Este representante sindical asegura que nas asembleas que se están a celebrar cos traballadores do sector "están desconsolados, a xente está indignada, están en pro de ir á folga porque pasarían a cobrar o salario mínimo e iso a xente que ten contrato de xornada completa porque os que teñen media imaxina como quedarán, van ter que pagar por ir traballar". Esta situación podería ser un garante do éxito da convocatoria de folga, pero Búa recoñece que "as presións por parte das empresas van ser duras" e descoñece si os traballadores van ser fortes e facer seguemento do paro.
CIG, CCOO e UGT denuncian que as grandes empresas negáronse a retirar as súas propostas na última xuntanza para renovar un acordo laboral que afecta a máis de 15.000 persoas "co obxectivo de que decaia e deste xeito ir ao Estatuto dos Traballadores, que é un 40% máis baixo".
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, que rexistrou a convocatoria na delegación de Traballo xunto a representantes de CCOO e UGT, explicou que "a mobilización responde a un ataque directo os dereitos dos traballadores xa que, entre outras cousas, os cambios que pretende introducir a patronal no novo convenio pasan por eliminar a promoción interna e modificar as categorías profesionais; eliminar tamén as limitacións na contratación e un día de vacacións".
Segundo os tres sindicatos, estas medidas supoñen unha importante perda de poder adquisitivo, xa que a proposta da patronal pasa ademais por non incrementar os salarios. "Ante esta agresión tan brutal de perda de dereitos laborais e económicos non podemos quedar calados", sentencian.
Relacionadas:
-
Rómpese a mediación e en Semana Santa haberá folga no sector da alimentación
Por Anxo Lourido |
-
Patronal e sindicatos negocian en Vigo para resolver o conflito no sector da alimentación
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Inspección de Traballo media esta tarde entre patronal e sindicatos para evitar a folga da alimentación
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Os traballadores non aceptan os recortes e manteñen a folga no comercio e alimentación
Por Oskar Viéitez |
-
Un "pequeno paso" para os sindicatos pero "un gran salto" para a patronal
Por Oskar Viéitez |
-
A patronal da alimentación cita os sindicatos este venres co propósito de frear a folga de Semana Santa
Por Anxo Lourido |
-
O sector de comercio e alimentación convoca folga en Semana Santa
Por Oskar Viéitez |