O goberno local de Ponte Caldelas pide a destitución inmediata da secretaria xeral de Igualdade
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O equipo de goberno municipal insta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a "destituír inmediatamente" á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, por "ter insultado persoalmente ao alcalde" falando dunha suposta "conciencia machista" como causa da reestruturación do servizo de atención á muller.
Nun comunicado emitido polo Concello de Ponte Caldelas apuntan que "nós temos o máximo respecto polas institucións e pedímoslle á señora secretaria xeral que respecte a un alcalde elixido democraticamente e que toma decisións dentro dun grupo de goberno coaligado, en función dos intereses xerais do seu municipio".
Ademais, o alcalde, Andrés Díaz criticou a "hipocrisía" da Xunta de Galicia que "racha as vestiduras coa simple reestruturación" dun servizo coma o Centro de Información á Muller nun concello de 5.500 habitantes, "mentres non move un só dedo para crear novos xulgados especializados de violencia sobre a muller na nosa comunidade autónoma, porque só hai dous, están carentes de medios, e hai pouco celebrouse unha comisión mixta de xustiza na que non se deu prioridade a este asunto".
O primeiro edil caldelán afirma que o seu concello seguirá reclamando máis investimentos no seu municipio (centro de maiores na Casa da Quintán, ampliación da estrada autonómica PO-234, comedor escolar no colexio da Reigosa e proxectos de saneamento nas parroquias) e denunciando a "evidente discriminación" con respecto aos concellos da contorna gobernados polo Partido Popular.
"Resulta moi chamativo que en menos dunha semana o Partido Popular falase dúas veces de Ponte Caldelas dende o Parlamento de Galicia e dende a propia Xunta", un feito que o alcalde considera que non é casual "porque teñen moi claro que este Concello móvese e xa é unha referencia do cambio".
NOVO SERVIZO DE ATENCIÓN Á MULLER
O novo servizo de atención á muller entrou este martes en funcionamento no Concello de Ponte Caldelas coa incorporación dunha avogada especializada en dereito de Familia e Violencia de xénero. Unha xuntanza entre o goberno local, a nova profesional e un representante do posto da Garda Civil serviu para repasar a incidencia desta problemática no municipio.
A nova avogada, María José González Bea, conta con moita experiencia na abordaxe integral non só dos asuntos de violencia, senón tamén en incidencias relacionadas con separacións e divorcios, pensións, patria potestade, réxime de visitas dos menores, incapacitacións, liquidacións de gananciais, capitulacións matrimoniais, execución de sentenzas, etcétera. Un amplo abano que vai supor unha importante mellora na atención legal integral ás mulleres do municipio, subliñou o alcalde, Andrés Díaz.
A atención vaise centrar durante a mañá dos martes, o que supón unha extensión horaria "superior á existente na maioría dos centros de información á muller (CIM) de municipios de máis poboación".
Ademais, a avogada recibiu instrucións de poñerse en contacto coas mulleres que xa estaban a ser atendidas, especialmente coas seis que teñen denunciado casos de violencia e as outras sete que, aínda que non presentaron denuncia, son obxecto dunha atención preventiva especial.
Relacionadas:
-
O PP presenta unha proposición non de lei para pedir a reapertura do CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Denuncian ante a Comisión Europea o peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
O PP sinala a Carmela Silva como "cómplice" do peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva non acepta "ningunha lección" en materia de igualdade de Rueda nin do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz reta a Rueda a visitar Ponte Caldelas para abordar a discriminación da Xunta co Concello
Por Redacción |
-
Rueda ve "bastante absurdas" as explicacións de Ponte Caldelas sobre o peche do CIM
Por Redacción |
-
A Xunta insta o Concello de Ponte Caldelas a que rectifique a súa decisión de pechar o CIM
Por Redacción |
-
Unha avogada, especializada en violencia de xénero, incorpórase ao servizo do Concello de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas critica o alcalde por suprimir o Centro de Información á Muller
Por Oskar Viéitez |
-
O CIM de Ponte Caldelas disporá dun servizo integral de asesoría legal
Por Redacción |