O PP sinala a Carmela Silva como "cómplice" do peche do Centro de Información á Muller de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular esixiu de novo a reapertura do CIM de Ponte Caldelas.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes os portavoces do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, Ángel Moldes e Luisa Piñeiro, criticaron de maneira contundente a "falta de sensibilidade" do alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, polo peche do Centro de Información á Muller, ao que definiron como "un servizo fundamental para as mulleres deste municipio".
Igualmente os populares estenderon as súas críticas á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "por non facer nada" para que o seu compañeiro de partido rectificase a súa decisión de pechar o CIM. Entende Nidia Arévalo que Carmela Silva "que tanto presume de estar a facer políticas a favor das mulleres" non pode "dar leccións" a ninguén por ser "cómplice" do alcalde de Ponte Caldelas "ao non dicir nada".
Por este motivo instaron a Carmela Silva a que "colla a este alcalde que é o lacaio da presidenta da Deputación" e que faga que reconsidere a súa decisión.
A portavoz popular tamén reprochou á presidenta da administración provincial que "bote balóns fóra" e critique ao PP "só por falar claro" e chamar a atención ante un "serio problema" xerado para as mulleres de Ponte Caldelas.
"Instamos o alcalde de Ponte Caldelas a que poña unha solución a este centro", reclamou Nidia Arévalo, tras lembrar que o CIM agora eliminado atendeu a máis de 700 mulleres desde a súa apertura no ano 2013 e que se trata dun servizo sufragado pola Xunta de Galicia que antes ofrecía 27,5 horas semanais de asesoría xurídica e 11 horas á semana de atención psicolóxica ás mulleres mentres que agora o concello tan só ofrécese a unha asesora xurídica 5 horas á semana. "Isto válelle á señora Silva ou ao alcalde de Ponte Caldelas? Pois a nós non nos vale", declarou Nidia Arévalo.
Finalmente, a portavoz do PP rexeitou que Carmela Silva empregue as súas "ferramentas de muller" ao desautorizar a presenza maioritaria de homes na foto do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda durante a súa visita ao CIM da Lama onde se comentou a decisión do goberno local de Ponte Caldelas. Nidia Arévalo sinalou que a presenza de homes tamén é maioritaria no tripartito do concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
O PP presenta unha proposición non de lei para pedir a reapertura do CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman á Xunta que asuma os Centros de Información á Muller
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reclama á Xunta un plan integral para os CIM de Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Denuncian ante a Comisión Europea o peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas estrea talleres de prevención de violencia de xénero
Por Redacción |
-
A Deputación esixe á Xunta que redefina a situación dos CIM
Por Redacción |
-
Carmela Silva non acepta "ningunha lección" en materia de igualdade de Rueda nin do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda ve "bastante absurdas" as explicacións de Ponte Caldelas sobre o peche do CIM
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas pide a destitución inmediata da secretaria xeral de Igualdade
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xunta insta o Concello de Ponte Caldelas a que rectifique a súa decisión de pechar o CIM
Por Redacción |
-
O PP levará ao Parlamento o "irresponsable" cese na actividade do CIM de Ponte Caldelas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |