Unha ampla comitiva acompañará aos Reis Magos na súa cabalgata por Marín
Por Redacción
O Concello de Marín ten xa ultimados todos os preparativos para a chegada, este xoves 5 de xaneiro, dos Reis Magos. A diferenza de anos anteriores, non se farán percorridos pola mañá e os nenos e nenas marinenses só poderán velos na cabalgata da tarde.
A súa saída está prevista para as 18.30 horas do peirao de Reparacións. Para iso, alí estanse adornando as carrozas que transportarán a Melchor, Gaspar e Baltasar, que irán precedidos dunha carroza que portará unha estrela que marcará o camiño, a cargo da agrupación Trompos Ós Pés.
A banda de tambores e cornetas anunciará ao seu paso que veñen antecedendo aos Reis Magos e na cabalgata tamén participará o tren turístico, que cargado de nenos irá acompañando á comitiva e lanzando caramelos a todos para dulcificar a espera.
Haberá máis animación e a participación de máis grupos nesta cabalgata que en anos anteriores, pechando a comitiva a carroza de Os da Caña, que participa en todo o percorrido.
A cabalgata concluirá no parque Eguren. Alí esperaranlles o belén vivente, onde os Reis farán as súas ofrendas dos agasallos que traen de Oriente ao neno Jesús: ouro, incenso e mirra.
Está prevista tamén a visita á residencia da terceira idade e ao comedor das monxas, onde levarán caramelos e obsequios
Para que o percorrido sexa áxil e non se produzan atascos nin retencións, prohibirase a circulación de camións, que deberán utilizar a variante de Marín nos seus percorridos.
Ademais, o porto autorizou o desvío polo interior do seu recinto do tráfico, afectando tanto a turismos como aos autobuses de transporte público.
Todo o percorrido estará como sempre regulado pola Policía Local, que terá efectivos en todos as cruces e rúas e que irá regulando o seu paso para evitar que se produzan contratempos. Tamén a Policía Nacional terá un reforzo no seu dispositivo para evitar calquera contratempo.