Es universitario e tes unha idea de negocio? Isto interésache
Por Redacción
A sexta edición do programa Incuvi-Emprende ofrece unha nova oportunidade para o estudantado e persoas tituladas máis emprendedoras que queiran converter a súa idea de negocio nunha realidade.
Ata o vindeiro 2 de febreiro poderán presentar as súas propostas empresariais relacionadas con calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo (artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, e enxeñaría e arquitectura).
Poderanse presentar todos os estudantes dos tres campus que estean matriculados en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado así como titulados pola Universidade de Vigo no curso 2013/2014 ou posteriores. Os proxectos poderán ser elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas.
As propostas deberán ser orixinais e a súa autoría deberá corresponder á persoa ou persoas que os presentan. Entre todos os proxectos presentados seleccionaranse os 12 mellores, que terán como premio un espazos nas pre-incubadoras dos campus de de Pontevedra (dous), Vigo (seis oficinas) e Ourense (catro).
Ademais durante un ano participarán nun programa no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía no espazo de traballo na preincubadora do campus correspondente.
A principal novidade desta sexta convocatoria está no eido administrativo, xa que os participantes, no canto de presentar un documento de resumo do proxecto en papel, deberán oficializar a súa candidatura de xeito telemático cubrindo un cuestionario no que se lles pregunta sobre a idea de negocio; a orixe da idea; a ligazón da idea cos estudos universitarios ou cun grupo de investigación; o problema ou necesidade non satisfeita polo mercado que trata de resolver o proxecto; o perfil do cliente potencial; os principais competidores ou as alternativas que ofrece o mercado; a proposta para monetizar a idea; as principais barreiras legais e tecnolóxicas e as necesidades financeiras para a posta en marcha do proxecto.
Relacionadas:
-
RADIO.- A mediación, un proxecto premiado por emprender e avanzar
Por Sara López Lago |
-
A serigrafía e a loita contra a avespa asiática, nova aposta dos emprendedores
Por Redacción |
-
O espazo emprendedor de AJE recibe catro novos proxectos promovidos por estudantes universitarios
Por Redacción |
-
Os gañadores dos Premios Incuvi-Emprende inician o ano de prazo para convertir a súa idea en empresa
Por Redacción |
-
Os doces (e a barba) do reposteiro de Belas Artes non gustan no programa de Cuatro
Por Redacción |
-
Dúas ideas empresariais do campus pontevedrés reciben o premio do INCUVI-Emprende
Por Redacción |