Marcharon hai máis de 6 meses a percorrer Europa en triciclo. Onde está a Familia Supertramp?
Por Anxo Lourido
Hai máis de medio ano que decidiron iniciar unha desas aventuras só apta para valentes. Os pontevedreses Óscar Barreiro e Susana Míguez cos seus fillos de seis e dous anos, Lucía e Darío, partían o 9 de xullo, entre o apoio de numerosos amigos, da Praza de España nos seus triciclos reclinados. Eles denomínanse "a Familia Supertramp". O seu obxectivo: realizar unha ruta por Europa durante un ano e na que, cando regresen a casa, deixarían atrás máis de 11.000 quilómetros.
Dende aquela data xa cruzaron España, percorreron o sur de Francia para pasar por Italia e Croacia. O 18 de xaneiro chegaron ao porto de Patras en Grecia e quedaron fascinados vendo as enormes montañas nevadas que rodean a cidade. Estes días pedalean ata Atenas cun tempo fresco pero agradable. Tal e como publican en Facebook onde van contando as súas andainas, as montañas de Grecia cos seus picos nevados están a deixalos "pampos".
En Bari (Italia) pasaron preto de mes e medio durante as festas do Nadal apoiados por xente da Parrocchia de San Luca. Tiveron a sorte de celebrar as festividades de Fin de Ano e o día de Reis con Álvaro Neil, o biciclown, todo un ídolo para esta familia. Este clown cicloviaxeiro leva 13 anos pedaleando polo mundo e ten previsto finalizar a súa ruta este ano. Tamén coincidiron con Pablo de Bikecanine, un asturiano cicloviaxeiro que está percorrendo o mundo coa súa cadela Hippie. Atopáronse con eles grazas a un tweet fortuíto e conseguiron que, durante 10 días do Nadal, compartiran aloxamento na casa de acollida dunha igrexa onde se atopaba a Familia Supertramp. Foi como un encontro único entre os viaxeiros máis coñecidos do mundo. E non dubidaron en elaborar un roscón de Reis xuntos para celebrar este cumio de Nadal de grandes viaxeiros en terras italianas. Álvaro Neil colgou vídeos da familia pontevedresa e, entre oturas cousas, invita aos seus seguidores a axudar a Lucía a obter fondos para que poida lograr un ordenador, xa que o seu se rompeu aos poucos días de iniciar a viaxe.
A familia Supertramp publica as súas andainas en diferentes redes sociais: Facebook, Instagram ou Twitter sempre que teñen oportunidade e conexión wifi. Susana Míguez explica a PontevedraViva nun dos seus momentos con rede que a viaxe está indo "moi ben". Avanzan amodo, ao ritmo que lle permite un desprazamento con dous nenos, ao mesmo tempo que intentan evitar as baixas temperaturas que se rexistran durante estes días en Centro Europa, malia todo, xa tiveron que facer fronte á friaxe de Grecia.
"A aventura está sendo fantástica", afirma Susana, "tanto os nenos coma nós estamos a vivir incribles e... aprendendo tanto!", asegura con entusiasmo. Sinala que en Italia tiveron complicacións co tráfico porque os condutores a penas respetan aos ciclistas. Tamén recoñece que, en ocasións, lles resulta difícil atopar un bo lugar para acampar pero, ata o momento, sempre lograron unha solución ou a algunha persoa que lles ofrece axuda para acubillarse.
Agora van en dirección a Atenas onde lles agarda unha familia española, que ten un fillo que estuda a través do CIDEAD, como a "supertrampeira" Lucía. Pasarán uns días con eles para despois trasladarse cara o norte. Teñen previsto dirixirse a Macedonia, Serbia e Hungría. Aproveitarán o traxecto da ciclovía polo río Danubio e continuarán atravesando o centro de Europa. Nos vindeiros meses, Austria, Alemania e Holanda agardan a súa visita. Xa teñen pactado outro encontro cunha familia española que reside en Amsterdam. Trátase duns galegos naturais de Vilagarcía de Arousa, cos que xa tiñan coincidido nunha anterior viaxe.
A última parte desta aventura cicloturística será circulando cara o sur, por Bélxica, pasando por París e pola costa francesa ata regresar polo litoral cantábrico a Pontevedra, a súa casa.