Piden en Change.org un servizo de Emerxencias para A Lama e Ponte Caldelas
Por Redacción
A plataforma 'Falta de urxencias Verdugo-Oitavén' formada por veciños da parroquia de Gaxate iniciou unha campaña a través da web Change.org co obxectivo de reunir firmas para demandar servizos mínimos de sanidade nos municipios da Lama e Ponte Caldelas.
Denuncian que só hai dous días de consulta de Pediatría á semana e non dispoñen dun centro médico habilitado con urxencias. Ademais demandan unha ambulancia de apoio e unha farmacia de garda.
Este grupo de veciños da parroquia da Lama quere concienciar sobre o drama e o abandono que sofren estas zonas rurais. Levan recollidas máis de 200 firmas procedentes, sobre todo, das parroquias de Verducido e Xesta. Queren chegar ás mil antes de que finalice este ano para entregar a petición ante o Ministerio de Sanidade. Algún dos asinantes sinala que se atopan nunha situación de abandono.
Os concelleiros do PSOE no Concello da Lama tamén se sumaron a esta petición. Enrique Vaqueiro, Sandra López, César Vidal e Diana Domínguez asinaron para reclamar ese servizo de emerxencias no rural. Fan un chamamento para que asine a maioría da sociedade da Lama e defendan unha sanidade para todos, indicou o portavoz do grupo municipal socialista Enrique Vaqueiro.
O PSOE xa propuxera a petición dunha ambulancia de servizo ao centro penal e ao Concello, pero non lograron o apoio do Partido Popular.