O Plan Concellos destinará case 800.000 euros a O Grove no 2017
Por Redacción
Un total de 776.996 euros, 56.000 euros máis (un 7,74%) que este ano, destinará a Deputación de Pontevedra ao Concello do Grove no marco do Plan Concellos. Así o destacou a presidenta Carmela Silva durante a visita oficial que realizou ao municipio meco, para comprobar o resultado das obras financiadas pola institución provincial este ano.
Ademais das obras no CIM do Grove, onde se investiron 83.000 euros para redistribuír e acondicionar o espazo, a presidenta da Deputación revisou as actuacións postas en marcha noutros puntos do municipio, acompañada do alcalde da vila meca, José Cacabelos.
Así, Carmela Silva achegouse ata o paseo de Beiramar, onde con 157.000 euros renováronse todos os servizos, desde as redes eléctricas ou o saneamento ata a iluminación, o tratamento das zonas verdes, a pavimentación ou a renovación das beirarrúas. Esta actuación era, destacou a presidenta, unha das grandes reivindicacións dos veciños.
Tamén se realizaron obras de rehabilitación no edificio da Policía Local, destináronse 27.000 euros ao mercado municipal para acondicionar o edificio para a creación de espazos de emprendemento comercial e investíronse 127.000 euros para a reforma do equipamento deportivo do centro Terra de Porto.
Neste último punto, Silva mantivo un encontro con membros do club de remo Mecos, que está a desenvolver un proxecto pioneiro en Galicia de remo adaptado "que me emociona e que aplaudo". A presidenta anunciou que, neste sentido, este ano as axudas aos clubs da provincia favorecerán ao deporte feminino e ao deporte adaptado.
Dentro do Plan Concellos, O Grove destinou 475.000 euros para a redacción do proxecto técnico do novo auditorio de Monte da Vila, unha demanda "histórica" do municipio segundo lembrou o alcalde; 57.000 euros para gastos correntes, 27.000 euros para financiar actividades culturais e deportivas e 162.000 euros para contratar a trinta persoas.
Ademais, a Deputación a través das diferentes liñas de axudas dos servizos de mobilidade, cohesión social e mocidade, emprego, cultura e lingua, deportes, igualdade, medio ambiente e turismo entregou ao Grove outros 280.000 euros.
Con todo iso, o alcalde do Grove asegurou que grazas a chegada do novo goberno provincial o municipio meco "agora existe" para a Deputación, institución coa que esperan seguir avanzando para "mellorar a vida dos nosos veciños".
Relacionadas:
-
O Grove busca persoal para dezasete postos de traballo
Por Redacción |
-
Así é o proxecto do Auditorio e Escola de Música do Grove
Por Oskar Viéitez |
-
O Grove contratará a 26 persoas coas achegas da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva reclama á Xunta un plan integral para os CIM de Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Grove destinará máis de 400.000 euros da Deputación ao seu futuro auditorio e escola de música
Por Redacción |
-
Barro, Marín, Moraña, O Grove e Vilaboa avanzan na execución do Plan Concellos
Por Redacción |