Condena por narcotráfico para 'Vitriño': catro anos e medio de prisión
Por Redacción
Víctor Manuel García Paz, coñecido como 'Vitriño', deixou de ser intocable para a xustiza. A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de impoñerlle unha condena a catro anos e medio de prisión pola súa participación nunha rede que se dedicaba ao narcotráfico na comarca do Salnés, e pola que foron condenados tamén outros nove arousáns.
A Sección Segunda da Audiencia considera probados os feitos que atribuía a esta organización o fiscal antidroga de Pontevedra, Luís Uriarte: vender drogas, fundamentalmente cocaína na zona do Salnés usando como base de operacións o lugar da Pantigueira, en Vilanova de Arousa. Impóñenlles un total de 57 anos de prisión e multas que ascenden a 1,4 millóns de euros.
Vitriño está considerado autor dun delito de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e ten en conta a cantidade de droga intervida e a súa "intensa dedicación" a tales actividades ilícitas de tráfico de sustancias estupefacientes durante o tempo que durou a investigación policial. Ademais de catro anos e medio de prisión, impóñenlle o pago dunha multa do dobre ao triplo do valor da droga intervida, 60.000 euros.
O peor parado da sentenza é o suposto xefe, Juan Miguel García Santos, a quen condena a nove anos de prisión por tráfico de droga porque lle teñen en conta a circunstancai agravante de reincidencia. No caso de Vitriño, non se lle pode aplicar porque foi condenado por un delito de narcotráfico, pero posteriormente o Tribunal Supremo absolveuno e xulgárono por un delito de branqueo polo que resultou absolto.
A segunda pena en importancia é a do irmán do xefe, José Miguel García Santos, que deberá cumprir sete anos de prisión; José Angel López Prego foi condenado a catro anos e seis meses de prisión; Tomás Alvarez Iglesias; a cinco anos; e a Rodrigo Coya Lago caéronlle sete anos de prisión e a multa de maior importe, 280.000 euros. A lista de condenados complétana José Antonio Rodríguez Pereiro, con catro anos de cárcere; Máximo Miñán García e José Carlos Souto Señoráns, con tres cada un; e Gustavo Gómez Dios, a quen impuxo unha condena de catro anos e seis meses.
O xuízo contra este grupo criminal celebrouse o pasado mes de outubro, pero antes xa se produciran no últimos tres anos catro suspensións por diversos motivos, de modo que os feitos tardaron en xulgarse preto de oito anos, pois, segundo considera probado a sentenza, foi en decembro de 2008 cando a Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional de Pontevedra iniciou a investigación contra eles ante as "numerosas noticias acerca da venda de cocaína e heroína" na zona de influencia de Vilagarcía. A investigación prolongouse durante os primeiros meses de 2009, cando se produciron as detencións.
Relacionadas:
-
Visto para sentenza o xuízo contra Vitriño e outros nove acusados
Por Oskar Viéitez |
-
O xuízo da rede de Vitriño rematará o vindeiro martes coa declaración da última testemuña
Por Redacción |
-
Vitriño négase a declarar no xuízo de tráfico de cocaína que, por fin, se iniciou na Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
A Audiencia retomará en marzo o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína
Por Redacción |
-
Dez arousanos, entre eles 'Vitriño', sentan no banco por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Natalia Puga |