A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, pediu á Deputación que habilite unha liña de axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros .
Recordou Cores Tourís que a Deputación de Pontevedra contaba, na época na que estaba á fronte o Partido Popular, con esta liña de axudas polo que aproveitou unha visita os danos causados polo pasado temporal en Meis para "solicitarlle dende aquí á presidenta da institución, a señora Carmela Silva, que recupere esta iniciativa e que colabore na axuda aos damnificados polo temporal en Meis".
O delegado territorial da Xunta visitou xunto ao alcalde de Meis, José Luis Pérez, as parroquias de San Martiño, San Salvador e a parte baixa de Armenteira onde resultaron afectados galpóns, granxas, invernadoiros, explotacións agrarias e vivendas. "Estamos a falar de quizás o concello máis afectado de Galicia polo temporal da pasada fin de semana. Foi algo extraordinario o que pasou neste concello, porque realmente causou danos tremendos", dixo Cores.
Segundo apuntou o delegado territorial, o Concello está, nestes intres, a avaliar estes danos de cara a enviar á Xunta un informe no que se detalle a situación real de cada afectado.
"É necesario que as administracións colaboremos para atender unha situación excepcional como a que se viviu en Meis, onde a forza do temporal foi moi destrutiva. Por elo solicitamos tamén a colaboración da Deputación de Pontevedra, institución que ten como función apoiar aos veciños dos pequenos concellos", insistiu Cores Tourís.
O alcalde de Meis, pola súa banda, engadiu que "esa liña de axudas para situacións de emerxencia sería moi beneficiosa para paliar os danos vividos neste concello. Moitas destas persoas non contan cun seguro, ben porque non o poidan afrontar ou ben porque os propios seguros non se fan cargo deste tipo de situacións. Moitos destes veciños necesitan recuperar o danado de cara a poñer de novo en marcha as súas explotacións", concluíu José Luis Pérez.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade solicitará á Deputación axudas polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva lembra que as axudas polos danos dos temporais son competencia da Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación contesta á Xunta polos temporais: "isto é o mundo ó revés"
Por Oskar Viéitez |
-
Populares e socialistas, á gresca polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra cifra en 2,2 millóns de euros os danos provocados polo temporal
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE provincial esixe á Xunta "medidas e axudas" para paliar os danos do temporal
Por Redacción |
-
Así foi o paso do Kurt polas nosas comarcas
Por Oskar Viéitez |