Valentín García Escudero estrea iluminación monumental
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acaba de rematar distintas melloras no xacemento de Valentín García Escudero. Trátase dunha obra con cargo aos proxectos públicos financiados polos fondos ARI, concedidos ao centro histórico de Pontevedra o pasado ano.
En concreto, o investimento foi de 44.000 euros e serviu para darlle unha iluminación monumental ao xacemento e para abrir ventás aos achádegos que permitirán contemplar mellor os restos.
A iluminación (a parte máis importante deste proxecto) consistiu en dar temperaturas de cor distintas a cada elemento: ponte, peirao e muralla para que o observador os poida distinguir perfectamente.
A intervención mellora substancialmente o xacemento ao aire libre xa que os focos están moi disimulados entre os restos.
Ao mesmo tempo, abríronse catro ventás na varanda perimetral do xacemento. Están localizadas en sitios específicos para poder observar perfectamente os distintos elementos da praza.
Estas ventás de cristal completaranse nas vindeiras semanas con información sobre o xacemento que permitirá observar e entender mellor os achados.