Que fai un burro en Valentín García Escudero? É Paquito e é un peregrino
Por Redacción
Noelia e Paquito convertéronse este luns en protagonistas involuntarios da tarde dun grupo de pontevedreses. Ambos recalaron no parque de Valentín García Escudero para tomar o merecido descanso de todo peregrino, pero o que para eles era unha parada máis na súa ruta a Santiago de Compostela, foi unha grata sorpresa para os veciños da zona. Non lembraban ver antes no seu barrio a dous visitantes como eles. Noelia é unha peregrina e Paquito, o burriño que a acompaña na súa peregrinaxe.
O reloxo marcaba as oito da tarde, pero no exterior era xa de noite e houbo quen puido pensar que estaba interprentando mal a escena que tiña ante os seus ollos: un burro na zona verde de Valentín García Escudero. Pero era real e unha muller de mediana idade situada a escasos metros tiña a explicación para os curiosos. A pesar do seu marcado acento francés e as dificultades para falar en español, fíxose entender e explicoulles que ela era a propietaria do animal e atábao a unhas árbores para que ambos descansasen antes de seguir a súa ruta.
A muller fixo as presentacións e mesmo lles facilitou unha parte da súa biografía. Procedente dun pobo dos Pirineos, chegou a Galicia percorrendo o Camiño Francés a Santiago e a experiencia encheulle tanto que decidiu facer o resto de rutas xacobeas a Santiago. Estes días está a facer a portuguesa, sempre coa compañía da súa burrito, ao que bautizou como Paquito.
A súa presenza na zona converteuse nunha atracción en cuestión de minutos e Noelia e Paquito adaptáronse sen dificultades ao papel. Os móbiles saíron dos petos e empezaron a sacarlles fotos mentres eles se mimetizaron coa escena e posaron, ambos moi solícitos. Tan só uns minutos despois, tiveron que poñer fin, iso si, a
Moitos nenos pontevedreses puideron sentir este luns que formaban parte dunha das súas cancións preferidas, o éxito dos Cantajuegos 'El Burrito Pepe', que reza así:
El burrito Pepe muy cargado va,
trota que te trota, trota que te tra.
Sube la montaña, vuelve a bajar
y pasito a paso llega a la ciudad.
Paquito subiu e baixou as montañas do Camiño Portugués e pasiño a pasiño chegou á cidade de Pontevedra. Pero o final da canción chegou aos poucos minutos. Noelia púxolle a cadeira e ambos seguiron a súa peregrinaxe, cara a unha nova parada na que inevitablemente volverán chamar a atención dos veciños. Aínda que os burros empezan a verse xa en moitos tramos do Camiño de Santiago, non son tan frecuentes como para superar o o efecto sorpresa e non espertar ao tenrura de nenos e adultos.