Uns 600 alumnos de Secundaria maniféstanse en Pontevedra contra a LOMCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Ao redor de 600 persoas, segundo a organización convocante, participaron na manifestación que este mediodía percorreu as rúas de Pontevedra esixindo a "derrogación total da Lomce". A xornada de folga está convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e o sindicato Erguer, entre outras organizacións.
Moraima Pérez, responsable de Erguer Pontevedra, apuntou que na cidade de Pontevedra "a participación do alumnado de secundaria nesta xornada de folga foi do 90%".
Asegurou que, "salvo algúns profesores que para hoxe puxeron exames", a gran maioría "colaborou coa protesta" ao non dar materia durante esta xornada. Ademais esta portavoz estudantil apuntou que os mozos estan "ben informados dos motivos desta mobilización" para que se elimine o coñecido como sistema 3+2 e se terminen os recortes na educación pública.
"A FOLGA DESENTONA O CLIMA DE CONSENSO"
A preguntas de PontevedraViva, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou que a folga en ensino medio e universitario "desentona" co "clima de consenso" actual entre os partidos políticos a favor dun gran pacto educativo.
"Os esforzos que gastamos en acentuar os disensos deberiamos gastalos en potenciar os consensos", afirmou.
Rodríguez remarcou que é un momento de "gran esperanza" para a educación en España e en Galicia tras o establecemento dunha subcomisión no Congreso para negociar un gran pacto educativo entre as distintas formacións políticas.
"Negociar cunha folga encima quizais non sexa o mellor ambiente", sinalou.