"As mulleres estamos decididas a formar parte do mundo do traballo e a non abandonalo"
Por Natalia Puga
Maria Luisa de Sáa traballou durante 39 anos como profesora, leva dende 1982 afiliada a UGT, dende 1991 colabora activamente coa federación de educación deste sindicato e dende hai 16 anos é secretaria xeral da Federación de traballadoras e traballadores do ensino (Fete) de UGT-Pontevedra. Aínda que dende hai uns meses está xa xubilada seguiu desempeñando este cargo e promete seguir colaborando activamente cando o deixe porque "de ser sindicalista non se olvida unha nunca".
Esta traxectoria profesional e sindical valeulle este 2013 converterse, por unanimidade dos seus compañeiros, na galardoada co Premio 8 de Marzo, concedido con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora.
Recibiu o recoñecemento nun acto no que estivo arroupado polos seus compañeiros das últimas décadas, pero a emoción invadiuna e apenas puido pronunciar unhas palabras. "Grazas por este recoñecemento, non podo dicir nada máis".
Dixérono todo os seus compañeiros por ela. O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, asegurou que "levo toda a semana buscando unha palabra que a defina e única que atopo é Marisa. Marisa é alguén consubstancial con UGT, con constancia, con educación". A secretaria de Igualdade do sindicato, Mirian Viñas, destacou a súa "reivindicación da igualdade" e que este premio pretende ser"un recoñemento á súa labor e tesón, mesmo en tempos difíciles. Marisa é unha muller forte, con personalidade e carácter, un exemplo de valentía, motivación e dedicación".
A responsable de Igualdade en Pontevedra denunciou que a pesar de que no inicio da crise económica os homes foron os primeiros prexudicados, "agora a crise volve ter cara de muller", xa que é colectivo que máis está a padecer a incidencia do paro, do aumento dos traballos a tempo parcial e do "empobrecemento das posibilidades conciliación das vidas laboral e familiar".
Tras denunciar os "efectos perversos nas condicións laborais das mulleres" e que "as mulleres imos perdendo dereitos e conquistas que custaron décadas de mobilización", asegurou que, a peser de todo "estamos decididas a formar parte do mundo do traballo e a non abandonalo".
Con similares reivindicacións, o mediodia deste venres 8 de marzo produciuse unha concentración de delegadas de CC.OO. de Pontevedra ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Ao final da concentración, á que asistiron varias decenas de persoas, entregouse por rexistro un Manifesto da Secretaría da Muller reclamando que "a dimensión da igualdade de xénero ha ser integrada de forma explícita e global nas decisións e medidas que se establezan para saír da crise".
Relacionadas:
-
As pontevedresas asinan menos contratos laborais que os homes, pero conseguen máis indefinidos
Por Natalia Puga |
-
Unha limpadora do CHOP, "Premio 8 de marzo" de UGT
Por Redacción |
-
Escaparates teatrais para reivindicar o papel da muller
Por Redacción |
-
Así celebra Pontevedra o Día Internacional da Muller Traballadora
Por Redacción |
-
"As mulleres estamos fartas", berro da CIG para conmemorar o Día da Muller Traballadora
Por Anxo Lourido |