A troita volverá ir de xira por todas as parroquias de Ponte Caldelas
Por Redacción
A partir de finais de abril, a Festa da Troita de Ponte Caldelas volverá a recorrer todas as parroquias do municipio. Tras o éxito do ano pasado, o goberno municipal volve repetir unha experiencia que permitiu que a práctica totalidade dos núcleos rurais tiveran a súa particular xornada de degustación deste saboroso peixe.
O Concello está a deseñar un calendario de eventos que se estenderá ata maio.
Serán tamén momentos, apuntan desde o goberno municipal, para estreitar vínculos coa xente, recollendo as súas inquedanzas, e facéndoa partícipe das tradicións e celebracións locais. A traca final chegará coa celebración da Festa da Troita propiamente dita na última fin de semana de maio, que é unha das citas gastronómicas senlleiras de Galicia.
O pasado ano servíronse máis de 1.000 racións deste peixe un prezo de tres euros, incluíndo pan e viño. Ofrecéronse dúas preparacións: fritidas e en escabeche, que tiveron moi boa aceptación.
O goberno local de Ponte Caldelas está convencido de que esta actividade forma xa parte imprescindible da Festa da Troita, porque, segundo o alcalde, "había un sector da poboación que sentía que a festa estaba moi ben, pero era cousa do centro urbano, e agora xa se deron conta de que nos pertence a todos porque é un símbolo de Ponte Caldelas".
O Concello volverá contar para levar a cabo esta iniciativa de participación popular co apoio de José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Enrique Lafuente, Sandra Gil e José Manuel Corbacho, o grupo de cociñeiros que xa o fixo posible o ano pasado dun xeito totalmente gratuíto e altruísta.
A colaboración está aberta a outros voluntarios que se queiran sumar.