Unha pelexa entre tres mulleres mobiliza á Policía na Praza da Estrela
Por Redacción
Unha pelexa entre tres mulleres alertou na noite do mércores veciños e viandantes de ámbito da Praza da Estrela, o Paseo de Odriozola e a rúa Pasantería de Pontevedra e rematou con tres cidadás identificadas e o levantamento dun atestado polical.
O incidente produciuse arredor das 21.50 horas nos Soportais situados debaixo do edificio sindical de Pasantería. Testemuñas presenciais alertaron ao Centro de Atenciónde Emerxencias de Galicia-112 e á Comisaría Provincial, de modo que se mobilizaron ata o lugar dúas patrullas da Policía Nacional.
Fontes policiais consultadas indicaron que cando as patrullas chegaron ao lugar identificaron tres mulleres e un home que non tería intervido na pelexa, pero presenciou esta.
Testemuñas presenciais relataron que o incidente empezou cos berros dunha muller. Ao parecer, o enfrontamento teríase iniciado nos Soportais, pero, pouco a pouco, as tres implicadas fóronse desprazando cara á rúa Pasantería.
Unha das identificadas é xa coñecida das Forzas de Seguridade pola súa implicación en incidentes similares. As testemuñas explicaron que o grupo implicado no incidente permanece habitualmente durante todo o día e parte da noite nos citados Soportais e que algún deles son ou foron toxicómanos.